Mexillón de Galicia inicia en Vigo unha campaña polas prazas galegas


O mercado vigués de Teis é o escenario elixido pola DOP Mexillón de Galicia para desenvolver este venres 23 e mañán sábadoe 24 de setembro a primeira dunha serie de accións que teñen como finalidade promocionar a nosa marca de calidade entre os consumidores. A maioría das decisións de compra tómanse no punto de venda, por iso é polo que esa contorna convértese no lugar idóneo para interactuar coas persoas que acoden a el.

Ao mesmo tempo é unha forma de establecer unha relación directa e sen intermediarios co público, reforzando os vínculos cos consumidores habituais de Mexillón de Galicia e promovendo a adhesión dos que aínda non o son, xa que poderán coñecer as características que fan de Mexillón de Galicia un alimento único, diferente e, ao mesmo tempo, gozar do seu riquísimo sabor a través das distintas preparacións elaboradas polo cociñeiro Miguel Mosteiro. Trátase de que vivan unha experiencia moi satisfactoria.

Esta iniciativa, que terá continuidade ao longo das próximas semanas nos mercados doutras cidades de Galicia como A Coruña, Pontevedra, Ferrol e Santiago, enmárcase no convenio que a DOP e a Consellería do Mar asinaron a principios deste ano co obxectivo de promocionar a Mexillón de Galicia, impulsar o seu coñecemento entre os consumidores e favorecer un aumento da demanda e os prezos deste molusco.

Esta primeira cita de Teis comezou ás 9,30 horas deste venres coa presenza da conselleira do Mar, Rosa Quintana, do alcalde de Vigo, Abel Caballero, do xerente da Asociación de Comerciantes do mercado de Teis, Roberto Giráldez, e do secretario xeral del Consello Regulador do Mexillón de Galicia, Joaquín Garrido.