O IX Festival Mar de Mares, adicado este ano á aventura nos océanos, comezou este xoves na cidade da Coruña coa inauguración da exposición fotográfica "Un lugar frío e solitario". As viaxes de Scott e Shackleton ao Polo Sur, que chega por primeira vez a España.
A mostra, que permanecerá instalada na Avenida da Mariña ata o 16 de outubro, reúne imaxes de maxestuosa e salvaxe beleza e que retratan a dureza extrema, a audacia e a épica das expedicións de ambos exploradores británicos. "É a exposición de dous perdedores, un chegou ao Polo Sur, outro non chegou nunca, un morreu no intento, o outro puido regresar, pero ambos amosaron a relevancia do mundo da aventura e a exploración","Scott chegou ao Polo Sur e descubriu que antes que el xa chegara o noruegués Amundsen e, para colmo, el e os catro homes que lle acompañaron morreron de fame e frío durante o regreso. Shackleton nunca chagou, o seu barco afundiuse resquebraxado polo xeo, e os seus homes e el tiveron que vivir durante case dous anos no xeo ata que lograron saír dalí". sinalou Silvia Oviaño, comisaria de Mar de Mares na visita á mostra realizada hoxe.
As imaxes, tomadas por dous dos mellores fotógrafos da época (HerbertPonting no caso da expedición de Robert FalconScott e FrankHurley na travesía de ErnestShackleton), amosan o día día dos aventureiros na Antártida, desde anotacións nos seus diarios -unha ferramenta imprescindible para deixar constancia dos seus avances e do seu estado de ánimo- ata o calzado que empregaban, os paseos cos cans que os acompañaban ou os partidos de fútbol sobre o xeo, as charlas e as proxeccións de cine cos que se mantiñan entretidos. Tamén está presente na exposición o Endurance, o barco no que navegaban Shackleton e a súa tripulación de 27 homes, que tiveron que abandonar tras quedar atrapado no xeo e que xusto este ano foi atopado a 3.000 metros de profundidade.
Na inauguración de Mar de Mares, celebrada na Fundación Paideia, xunto á exposición, estiveron presentes os representantes de todas as institucións públicas e entidades que apoian a celebración do festival.
José Ramón Rioboo, deputado de Transición Ecolóxica, Emprego e Territorio Sostible da Deputación da Coruña, destacou que a provincia é a que máis quilómetros de costa ten en España, o que significa que "debemos ter unha maior concienciación para preservar o ecosistema mariño".
Juan Ignacio Borrego, primeiro tenente de alcaldesa e concelleiro de Relacións Institucionais, Turismo e Seguridade Cidadá do Concello da Coruña, salientou na súa intervención o carácter "estratéxico" do festival para a cidade da Coruña, "abrazada polo Atlántico" e na que "o mar é a vida". "A Coruña leva o mar no seu sangue e debe ser a cidade na que a sostibilidade sexa parte fundamental", comentou.
O delegado Territorial da Xunta de Galicia, Gonzalo Trenor, lembrou que este ano se celebran os 500 anos da primeira circunnavegación ao mundo -a expedición Elcano-Magallanes.
No apartado das empresas colaboradoras, Javier Fraga, director de Abanca MAR, entidade que este ano se suma a Mar de Mares, destacou a importancia dun evento "que serve para difundir a importancia do mar e para dar a coñecer á sociedade e ás novas xeracións todo o que rodea a economía azul como xeradora de riqueza e emprego". Ademais, Isabel López-Rivadulla, directora de Marketing de SIGNUS, empresa que cada ano recolle e xestiona 15 millóns de pneumáticos, insistiu no compromiso medioambiental colectivo para evitar "que moitos deses pneumáticos terminen en sitios onde non deben terminar e un deles é o mar". De feito, SIGNUS é unha das entidades que apoian a III Gran Limpeza de Fondos Mariños, que terá lugar o domingo na contorna do Castelo de San Antón. Ademais desta limpeza, xa celebrouse o pasado domingo outra acción de retirada de residuos da cala de Punta Herminia, grazas á colaboración de Ecovidrio. Pola súa banda, desde a Cátedra Emalcsa da UDC, o seu director, Moisés Canle, apostou polo coidado e a preservación dos ecosistemas acuáticos e a necesidade de "incidir no coidado do auga desde a súa orixe e durante todo o seu percorrido".
Outra das entidades que colaboran por primeira vez en Mar de Mares é Vegalsa-Eroski. O responsable de Calidade e Medio Ambiente da empresa so sector da alimentación, Ricardo Castro,abogou pola sostibilidade como motor das empresas galegas e a divulgación do compromiso cos valores medioambientais entre a cidadanía con iniciativas como a carpa para nenos que a empresa instalará no Mercado&Festa do Mar na explanada do Parrote durante esta fin de semana. Estrella Galicia, outra das entidades que apoian a organización do festival, tamén estará neste mercado a través da súa plataforma cultural Espazo Km.C. "Temos que lograr que o noso impacto sexa mínimo, como dicimos nós, que sexa impacto en positivo", asegurou Laura Verdejo, Trade Marketing Planner do Grupo Hijos de Rivera.
Antes da presentación do IX Festival Mar de Mares, que pechou coa actuación musical de PAN.SEN.FRON (Pandereteiras Sen Fronteiros), houbo unha visita á lonxa da Coruña á primeira hora da mañá para coñecer os segredos do lugar do porto ao que chega o peixe a diario, ao que seguiu un almorzo. O programa de hoxe complétase coa charla "Escondidos e esquecidos. Recuperando os ríos urbanos" (Fundación Paideia, 18:00h), na que participarán representantes de entidades que traballan pola recuperación das canles fluviais do Monelos (A Coruña), o Maior (Sada) e o Gafos (Pontevedra) e que porán de relevo o valor patrimonial, histórico, cultural, social e natural que levan consigo as augas dos ríos. Xusto despois, ás 19:30h e tamén na Fundación Paideia, terá lugar o encontro inspirador con Antonio Turiel, divulgador científico e matemático e físico do CSIC, quen falará sobre o futuro da enerxía e o cambio do modelo económico.
Este venres, Mar de Mares ten programadas dúas interesantes actividades: "Galicia, pioneira na defensa do océano" (Fundación Paideia, 19:00-20:30h), unha homenaxe ao papel decisivo da sociedade civil na defensa do mar e na minoración das consecuencias ambientais das catástrofes do Xurelo, o Mar Exeo e o Prestige, e "Navegar baixo as estrelas" (peirao do Parrote, 21:00-23:00h), unha travesía en veleiro na escuridade da noite, coa axuda só dun cuadrante náutico, como fixeron os grandes navegantes e exploradores no pasado.
Desde a súa creación, Mar de Mares traballa por un futuro máis sostible promovendo a reflexión e invitando á cidadanía a tomar partido polos océanos, co obxectivo de celebrar toda a riqueza que nos aportan e compartir o compromiso coa súa defensa e coidado. Ao longo destes anos, o festival consolidouse como un espazo de concienciación e activismo grazas aos seus completos programas e á participación de referentes mundiais que nos contaxiaron o amor polo mar e regaláronnos marabillosas historias sobre os océanos.
Mar de Mares reuniu desde o seu comenzo na Coruña a preto de 200.000 persoas a través das súas máis de 250 actividades organizadas nas oito edicións anteriores. Un fito para a cidade da Coruña que é posible grazas ao apoio de institucións públicas e privadas, así como de numerosas entidades que traballan no ámbito mariño. Este ano, ademais, o festival conta co selo da Década dos Océanos de Nacións Unidas.