O Consello da Xunta autorizou este xoves a subscrición do convenio de colaboración entre a Axencia Turismo de Galicia e o Concello de Ribeira para a execución do Plan de sustentabilidade turística en destino de Ribeira no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, por importe de 2 millóns de euros.
O concello de Ribeira concorreu á convocatoria extraordinaria de Plans de Sustentabilidade Turística en Destino, presentando o proxecto “Ribeira Destino Litoral Sostible”, no que se engloban actuacións destinadas principalmente a melloras ambientais, novas infraestruturas e o deseño e implantación da plataforma Smart Destino Intelixente.
Levaranse a cabo a recuperación do patrimonio etnográfico do concello nos lavadoiros de San Roque e da Penisqueira, un plan de sinalización turística integral dos recursos turísticos, a rexeneración ambiental e a posta en valor do porto fenicio de Aguiño, a reconversión e humanización do parque periurbano de San Roque, e a humanización dos espazos exteriores do Faro de Corrubedo.
O concello contará cun novo Museo do Mar de Ribeira, cun corredor cicloturístico no litoral entre Santa Uxía, Castiñeiras, A Fonte Seca e a Ameixida, cunha oficina de turismo virtual e construirase un mirador e un punto de interpretación da paisaxe na fábrica de salgadeira en Punta Castro. O obxectivo é implementar actuacións de impulso da sustentabilidade na súa tripla vertente: ambiental, socioeconómica e territorial, co fin de beneficiar tanto os ditos destinos turísticos, como os axentes sociais e os operadores privados do sector.