Luz verde da Xunta a rehabilitación do parque do Pasatempo


O Consello da Xunta deu este xoves o visto e prace á sinatura do acordo de cooperación entre a Axencia Turismo de Galicia e o Concello de Betanzos para a posta á disposición dos terreos e a execución da rehabilitación do Parque do Pasatempo no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea por importe de 1,5 millóns de euros.

O Concello de Betanzos pon así á disposición do Goberno galego o Parque do Pasatempo, libres de cargas e gravames todos os terreos necesarios para a execución das obras, así como os correspondentes permisos e autorizacións necesarias para levala a cabo. Este proxecto enmárcase nos 12 BIC de titularidade pública galegos dentro do plan Xacobeo Next Generation polo cal se levan a cabo proxectos de mantemento e rehabilitación do patrimonio histórico galego e que ten como obxecto a posta en valor de bens de interese cultural no Camiño de Santiago.

Mediante o investimento previsto levarase a cabo a restauración paisaxística de obras e infraestruturas, a recuperación de zonas húmidas degradadas e a restauración do hábitat, os plans de saneamento integral que inclúan a prevención de pragas, a iluminación eficiente do espazo do parque, o desenvolvemento do sistema hídrico orixinal do parque –apostando por fontes de enerxía renovable– e a dixitalización mediante novas ferramentas de promoción turística.