Lugo acolle a segunda feira das distribuidoras de alimentación


A Xunta de Galicia achega 32.000 euros á asociación lucense de distribuidoras de hostalería e alimentación (Adislugo) para organizar a segunda festa L de Lugo, que se celebrará os días 25 e 26 de setembro no Pazo de Feiras.

O delegado territorial do Goberno galego, Javier Arias, e o presidente de Adislugo, Eloi García, presentaron a cita na Delegación Territorial da Xunta. Arias salientou que “servirá para promocionar a nosa gastronomía e a enorme variedade de produtos lucenses e galegos con certificación de calidade”, ademais de “xerar oportunidades de negocio entre os produtores locais”.

Despois do éxito da primeira convocatoria, que atraeu tanto a profesionais como a público en xeral, este ano a feira contará con expositores das diferentes marcas,showcooking coa participación de 15 cociñeiros, experiencias de maridaxe de tapas e viños, catas, baristas, música ao vivo e zona infantil, entre outra oferta.

Entre os participantes e colaboradores figuran escolas de hostalería, a asociación provincial de fabricantes de pan de Lugo (Afapan), a Asociación de Criadores de Raza Porcina Celta (Asoporcel), a Federación de Razas Autóctonas de Galicia (Boaga), a Organización de Produtores Pesqueiros de Lugo e as IXP Ternera Gallega e Pemento de Mougán. Participaran máis de 150 adegas das denominacións de orixe galegas e outras nacionais, con especial importancia das de Lugo, e con, entre outras propostas, o Túnel do Viño da Ribeira Sacra.

Arias explicou que a Xunta terá un stand no que estarán presentes a Axencia de Turismo de Galicia e o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), que asesorará aos negocios que así o soliciten sobre os diferentes programas de apoio ás empresas que ten en marcha o Goberno galego.