Incautados 60 quilos de centola en Oia


A Policía Autonómica incautou o pasado mércores 60 quilos de centola no concello pontevedrés de Oia, no marco dun operativo de loita contra o furtivismo desenvolvido por membros do Equipo de Actividades Subacuáticas do Grupo Erpol da Policía Autonómica de Santiago, en colaboración coa Subdirección Xeral de Gardacostas.

Tras a inmersión na zona do embarcadoiro, localizáronse dúas gaiolas metálicas de grandes dimensións depositadas no fondo mariño, a uns catro metros de profundidade, para dificultar a súa detección. No seu interior atopáronse 57 centolas vivas e amoreadas, moitas delas femias en época de cría. Cómpre sinalar que esta especie se encontra na actualidade en veda. O marisco incautado foi liberado e devolto ao mar.

O operativo xurdiu no marco de inspeccións aleatorias por distintos lugares da costa galega, ante a posible existencia de fondeos ilegais de marisco no leito mariño amarrados a mortos de ancoraxe para dificultar a detección, que motivou o desprazamento a Oia de membros do Grupo Erpol xunto con Gardacostas de Galicia da Xefatura de Vigo.