Ganapán volve tralas vacacións ao Mercado de Abastos de Pontevedra


Elaborar deliciosos e saudables petiscos a partir de receitas con marcado sabor italiano e confeccionar orixinais reloxos de pulseira e divertidos lapiseiros con forma de coello son as actividades coas que o programa de lecer infantil O Ganapán inaugurará o curso escolar no Mercado de Abastos de Pontevedra. A iniciativa impulsada pola Concellería de Promoción Económica e Turismo para nenos e nenas de 4 a 10 anos regresa esta fin de semana con máis enerxía que nunca, tras un breve parón polas vacacións de verán, para devolver a troula, a fantasía e a imaxinación ao segundo andar do edificio situado na rúa Serra.

Tal e como subliña a concelleira Yoya Blanco, “todos aqueles rapaces e rapazas interesados en inscribirse nos talleres que se celebrarán o sábado 10 e o domingo 11 de setembro poderán facelo a partir de mañá, mércores 7, ás 9:00 horas, cando se publiquen nas redes sociais do Ganapán, e non antes (só se terán en conta as solicitudes formalizadas desde esta hora), a través do email oganapan@gmail.com“. “A diferencia doutras edicións, a partir de agora teremos sempre unha soa quenda de 2 horas, en lugar de dúas, entre as 11:30 e as 13:30 horas”, sinala a edil do PSOE.

Para a xornada do sábado 10 están previstos un obradoiro de elaboración de grisines de avea e fariña de garavanzos, petiscos saudables e enerxéticos para merendar no recreo e rematar a xornada escolar, e outro no que os pequenos poderán realizar singulares lapiseiros con aspecto de coello. “Os sabores da cociña italiana tamén protagonizarán un dos talleres do domingo 11, no que se elaborarán saborosas galletas a base de manteiga e queixo mascarpone, ideais para recargar as pilas. No apartado máis creativos, os nenos e nenas participantes terán ocasión de deseñar e personalizar os seus propios reloxos de pulseira”, apunta Yoya Blanco.