Galicia Calidade apoia a alianza entre chefs e empresas coa sostibilidade


Galicia Calidade, dependente da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, apoia e impulsa no presente edición do Galicia Fórum Gastronómico, que se celebra na Coruña, a alianza entre os chefs e as empresas coa sostibilidade, para empregar produtos de proximidade e elaborados respectando rigorosos controis de calidade.

Nesta edición Galicia Calidade está presente cun stand que conta coa presenza de oito empresas con produtos certificados polo selo de garantía: A Pementeira, Queixos Santo André, La Central Heladera, Confitería Cerviño, Jamones González, Feiraco, Mariscos Alumar e Bico de Xeado. Ademais, están presentes co seu propio expositor outras empresas que contan co selo de garantía para os seus produtos, como é o caso de Estrella Galicia, Terra de Asorei, Adega A Coroa e Quescrem.

Galicia Fórum Gastronómico conta tamén con diversos talleres da man de cociñeiros que contan co certificado Galicia Calidade: Iñaki Bretal, do restaurante O Eirado da Leña; e Lucía Freitas, a chef da Tafona. Ademais, entre outras propostas, o programa inclúe unha sesión de Cociñeiras do Camiño e unha sesión sobre cociña coruñesa sostible, con Javier Freixeiro, Moncho Bargo, Rogelio Santos, Adrián Felípez, Kike Vázquez e Ana Señarís; un relatorio sobre Modernidade, tradición e produto da man do chef Jordi Cruz; así como diversas experiencias gastronómicas, como experiencias Únicla da man de Óscar de Toro ou degustacións de Jamones González entre outras.

Galicia Calidade é a marca de garantía que certifica a calidade dos produtos e servizos que, pola súa elaboración en Galicia, pola súa materia prima ou deseño galegos, merezan esta distinción. Na actualidade, conta con 148 empresas adheridas, con máis 760 produtos ou servizos avalados co selo de garantía, que engloban aos sectores agroalimentario, mar, turístico, xoieiro, industrial, xeotérmico e de planta ornamental.