O Concello de Ferrol continúa co desenvolvemento de programas dirixidos a mellorar a calidade de vida dos maiores e potenciar o seu envellecemento activo e saudable. Neste caso, tal e como lembrou a concelleira de Benestar Social, Eva Martínez Montero, o próximo sábado, 17 de setembro, terá lugar a terceira e última saída do programa municipal ‘O Noso Camiño’, un proxecto cultural e de actividade física dirixido a maiores de 65 anos de Ferrol.
Trátase dunha nova camiñada de oito quilómetros de lonxitude polo tramo ferrolán da primeira etapa do Camiño Inglés para “coñecer a nosa cidade con ollos peregrinos”, indicou a edil. Haberá dous grupos, de 10 persoas cada un, e un monitor que explicará os detalles do percorrido. Partirá ás 9.30 horas do Porto de Curuxeiras e rematará no Polígono industrial de A Gándara, onde se cuñarán as credenciais e tomarase un aperitivo.