Experiencias de Calidade, mercado dixital para impulsar as vendas dos produtos galegos con selo diferenciado.


O mercado dixital “Experiencias de Calidade” permite promocionar, difundir e impulsar as vendas dos produtos galegos con selo diferenciado. Desta forma, esta nova canle de comercialización online -impulsada pola Consellería do Medio Rural- facilita un achegamento entre o produtor e o consumidor, dando así a coñecer as particularidades e características diferenciadas destas producións de calidade, segundo afirmou director da Agacal, José Luis Cabarcos, no Parlamento galego.

Neste senso, explicou que están dispoñibles actualmente os produtos premiados nas últimas edicións das Catas de Galicia. Porén, salientou que durante o último trimestre deste ano espérase que se incorporen, de forma progresiva, novos produtores para así consolidar esta canle curta de distribución con gran variedade de produtos que contan cun selo de denominación de orixe ou indicación xeográfica protexida.

Así mesmo, Cabarcos indicou queo 100% dos produtores enquisados cre que esta plataforma será moi beneficiosa para impulsar as vendas. Nesta liña, salientou que este proxecto resulta de maior interese entre os produtores máis pequenos e os que carecen actualmente de tenda online. Porén, os grandes produtores manifestaron tamén o seu interese, xa que o mercado de “Experiencias de calidade” será unha plataforma multiproduto que se caracterice pola venda directa -sen intermediarios- entre o propio produtor e o consumidor.

Así, o director da Axencia explicou que os produtos seleccionados polo consumidor agrúpanse nun paquete único embalado especificamente como “Experiencias de Calidade” e envíase ao consumidor dende un almacén loxístico. Ese, incidiu, é o elemento diferenciador desta web, coa que se pretende consolidar a imaxe de Galicia como rexión produtora agroalimentaria diversa e de excelencia.