Esforzos para converter a Casa Barroca en recurso museográfico de Combarro


O futuro da Casa Barroca de Combarro vai camiño de despexarse definitivamente. A Deputación, despois de culminar os primeiros trámites para desenmarañar a titularidade deste inmoble, iniciou as conversas de cara á cesión gratuíta ao Concello de Poio co obxectivo de converter definitivamente esta peza arquitectónica do conxunto histórico-artístico de Combarro nun recurso turístico e museográfico de primeira orde que complemente a oferta lúdica ás persoas visitantes.

O deputado Carlos Font mantivo unha xuntanza co alcalde de Poio, Luciano Sobral, e os tenentes de alcalde Silvia Díaz e Gregorio Agís, así como o concelleiro Julio Casás, na que informou dos pasos realizados para aclarar a titularidade e na que se acordou tamén a sinatura dun convenio para a cesión da Casa Barroca, incluíndo a súa reforma para corrixir o deterioro e deixala en perfectas condicións de habitabilidade.

O deputado recalcou que “despexadas as cuestións ao redor da propiedade que se derivaban da xestión que se fixo en etapas anteriores, abrimos un novo tempo, con rigor e seguridade xurídica, porque compartimos os desexos do Concello de Poio”. Font adiantou que a Deputación comeza agora a redacción do texto do futuro convenio interadministrativo, para sometelo aos preceptivos informes técnicos antes de que os plenos de ámbalas dúas Administracións procedan á súa aprobación. “Non falamos só dunha cesión, senón da intención da Deputación de acondicionar esta casa, así que o convenio debe recoller adecuadamente as obrigas e deberes das dúas partes”, aclarou.

A Deputación vén de inscribir no Rexistro da Propiedade o inmoble da rúa de San Roque, 59, con planta de 72 metros cadrados e superficie total construída en dous andares de 133 metros cadrados. O trámite realizouse o pasado mes de maio despois de culminar a “depuración física e xurídica” do inmoble. Este trámite é unha obriga recollida expresamente no Regulamento de Bens das Entidades Locais con vistas ao alleamento, como é o caso, dado que se pretende entregalo ao Concello de Poio para a súa conversión nun recurso turístico. O expediente de “depuración” debe incluír, ademais, o deslinde e a inscrición rexistral en caso de que sexa necesario.

Durante o procedemento quedou acreditado que a Casa Barroca foi adquirida pola Deputación á súa anterior propietaria, en 1958. Dúas décadas despois, en 1978, o Pleno da Deputación cedeu o uso, de balde e en precario, ao Ministerio de Cultura para habilitar unha Casa da Cultura e unha Oficina de Turismo. Dende entón producíronse sucesivas circunstancias, con escasa ou nula documentación, respecto ás condicións do uso deste inmoble . Todo elo quedou superado coa inscrición no Rexistro.

Carlos Font destacou a vontade de colaboración da Deputación con tódolos concellos da provincia, como volve manifestarse neste caso. “O Concello pediunos camiñar nesta dirección e vimos aquí para comunicarlles que a parte máis complicada do camiño, no que compete á Deputación, xa está feita con este proceso de depuración e inscrición rexistral, e hoxe están despexadas todas as dúbidas”. Font engadiu que se abre unha etapa nova que vai repercutir en “grandes novas para Combarro, que é unha das postais turísticas de Galicia e, sen dúbida, unha das imaxes máis representativas das Rías Baixas”. “Parécenos fantástico que esta casa, despois de tódalas circunstancias polas que pasou ao longo das últimas décadas poida converterse nun moderno espazo de promoción turística e queremos colaborar, con toda a forza desta Deputación do século XXI, para facelo realidade”, concluíu.

O deputado tamén recalcou durante a xuntanza que a Deputación tan só ten a titularidade da Casa Barroca da rúa de San Roque, 59, e non ostenta ningún dereito sobre o inmoble adxacente coñecido tamén polo mesmo nome.