Escolma da Bienal Internacional de Arte de Cerveira no Museo de Pontevedra


O Mueso de Pontevedra acolle desde esta tarde unha mostra de arte contemporánea como parte das sedes descentralizadas da XXII Bienal Internacional de Arte de Cerveira. Ata o 20 de novembro poderanse ver no Edificio Sarmiento as obras de quince artistas de Portugal e do Brasil seleccionadas pola directora artística da Bienal, Helena Mendes Pereira.

A escolma de artistas inclúe creadoras e creadores de referencia na arte portuguesa como Zulmiro de Carvalho, Ana Vidigal ou Mafalda Santos, xunto con outras autoras e autores lusas de diferentes xeracións, cunha destacada presenza feminina: Elsa César, Ana Maria Pintora, Henrique do Vale, Juan Domingues, Mariana Mizarela, Pedro Figueiredo, Serafim Sousa e Sobral Centeno. Brasil está presente coa obra de Jayme Reis e Zélia Mendonça. A selección complétase con dúas obras que forman parte da homenaxe que a bienal dedica a Helena Almeida, da man de Ana Monteiro e Maria Cunha.

A directora artística da Bienal e responsable da escolma explica así a súa escolla: “Son autores de diferentes xeracións e plasticidades que comparten o gusto polo detalle, polo deseño, pola expresión do corpo, con enfoque na dimensión poética da obra de arte e nas mensaxes indecibles que agocha”.

A participación do Museo de Pontevedra como sede desta mostra contribúe a afianzar os lazos culturais e artísticos entre Galiza e Portugal e permite que o público galego se poida achegar á arte actual do país veciño. En paralelo á inauguración en Pontevedra, o xoves tamén se abrirá exposición en Monção, outra das sedes descentralizadas da Bienal. Nesa mostra participará o marinense Antón Sobral, xunto cun artista portugués e outro brasileiro.

A Bienal Internacional de Arte de Cerveira é a máis antiga da Península; celébrase desde 1978. A vixesimosegunda edición celébrase do 16 de xullo ao 31 de decembro na localidade portuguesa de Vilanova de Cerveira. Ademais de Pontevedra e Monção, conta con polos expositivos noutras tres localidades do norte de Portugal: Caminha, Vila Verde e Alfândega da Fé.