Deputación e Basquet Coruña alíanse para a promoción da Coruña


O presidente da Deputación, Valentín González Formoso e o vicepresidente do Leyma Basquet Coruña, Juan Carlos Fernández Herrero, asinaron na Deputación o contrato polo que a institución provincial e o equipo laranxa colaborarán durante a presente tempada 2022-2023 na promoción da provincia da Coruña.

O presidente valorou a alianza formada xa que o Basquet Coruña "é unha referencia na cidade e na provincia no ámbito do baloncesto, que fai un traballo fundamental no deporte de base, con máis de 600 rapaces e rapazas que día a día se adestran nas súas escolas nas diferentes categorías". Formoso tamén trazou como obxectivo apoiar o equipo para que regrese á ACB.

Por medio deste acordo, a campaña turística 'A Coruña. Unha provincia por descubrir' loce nas equipacións dos xogadores, nas pantallas do pavillón, nas gradas e nas canastras. Formoso salientou que "é unha fórmula magnífica de dar a coñecer a nivel nacional e fóra de España, unha provincia como A Coruña e un país como Galicia, que ten tanto que ofrecer".