A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, ten previsto celebrar a semana que vén un curso de iniciación á apicultura no Centro de formación e experimentación agraria de Becerreá. Prevista do 20 ao 23 de setembro, a acción formativa constará dun total de 20 horas lectivas en horario de 9,00 a 14,00 h.
O obxectivo é fomentar a competitividade e a eficiencia dos recursos apícolas contribuíndo ao mesmo tempo á sustentabilidade da economía rural, impulsar o desenvolvemento de pequenas explotacións que poidan ser viables economicamente, garantir a remuda xeracional no sector e fomentar a transferencia de coñecementos e innovación, entre outros.
Así, o programa inclúe nocións sobre a bioloxía do enxame, o apicultor e a colmea, así como sobre a instalación do apiario, sobre a saúde das abellas e sobre o tipo de meles. Tamén se abordará a normativa a ter en conta e a prevención de riscos laborais na apicultura.