Casa Nordés abre para potenciar os produtos locais e os valores tradicionais galegos


O conselleiro do Medio Rural, José González, participou este martes na inauguración de Casa Nordés, un novo espazo situado no concello coruñés de Vedra e concibido para potenciar os produtos locais e recoñecer o talento e os valores tradicionais galegos. Neste acto, o conselleiro destacou que Galicia “identifícase sempre co concepto de calidade, en todos os ámbitos, pero especialmente no eido alimentario” e que a nosa comunidade goza de recoñecido prestixio, tanto no terreo nacional como internacional, pola calidade dos seus produtos do mar e da terra.

Ademais, González engadiu que a despensa galega abrangue unha amplísima gama de produtos, dende os máis básicos e de primeira necesidade, empezando pola auga ou o pan, ata chegar aos máis “sofisticados”. Neste segmento incluíu as sobremesas e os augardentes e licores tradicionais e tamén bebidas espirituosas que combinan a tradición galega coa modernidade e que, en gran parte a base de produtos autóctonos, “transcenden o noso territorio e fanse internacionais”.

Neste contexto, o conselleiro definiu Nordés como unha xenebra “xenuinamente galega e ao tempo universal”. Así, sinalou que a súa galeguidade vén dada porque incorpora ingredientes como a uva albariña para a súa base alcohólica e ata seis elementos botánicos silvestres propios da nosa terra, entre eles o loureiro ou plantas mariñas.

A maiores, González puxo en valor o “innegable vencello” desta bebida co mar galego, o deseño do seu envase, inspirado na tradición e en referencias como a cerámica de Sargadelos, así como o seu nome que -dixo- relembra un vento “bravo, potente e propiamente galego”. Nesta mesma liña, o conselleiro louvou o carácter “atlántico” deste produto e enmarcouno no concepto de Dieta Atlántica, unha “sabia combinación de ingredientes propios destas latitudes que, entre outras cousas, son fonte da proverbial lonxevidade das nosas xentes”, remarcou González. Así, afirmou que produtos tan atlánticos como a pataca, os froitos do mar ou os grelos fornecen esa despensa que tamén pode integrar referencias como esta xenebra, sempre partindo da premisa dun consumo responsable.

En conclusión, José González explicou que “a calidade e a vinculación co territorio” -como ocorre cos viños e augardentes galegos- definen este produto e recordou que a calidade é, precisamente, un dos grandes referentes das políticas da Xunta a prol do rural. Así, referiuse a fitos como a creación da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, unha entidade de impulso á calidade diferenciada dos nosos produtos, ou aos traballos para a futura Lei da calidade alimentaria de Galicia, que “marcará un antes e un despois na defensa, fomento e promoción das nosas producións do agro e do mar”.

Engadiu ademais que a Xunta destina importantes recursos e esforzos á promoción de toda esta riqueza alimentaria e en particular das 36 referencias de calidade diferenciada con que conta Galicia, unha das comunidades con máis selos deste tipo, destacou o conselleiro.

José González reafirmou ademais a aposta do Goberno galego polo I+D+i, a formación e a transferencia de coñecementos ao agro e vinculou esta filosofía da innovación co xurdimento desta xenebra Nordés. O titular de Medio Rural rematou a súa intervención reiterando o compromiso da Xunta a prol dun sector, como o agroalimentario, “que xera economía e riqueza na nosa terra”. Así, lembrou que este eido representa arredor do 7% do PIB galego e xera máis de 100.000 postos de traballo.