Capercaillie, Pongo, Chico César e Sofía Viola, nos Cantos da Maré




A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou este lunes na rolda de presentación do festival Cantos na Maré, que terá lugar en Santiago de Compostela do 21 ao 25 de setembro, no marco dos Concertos do Xacobeo.

Durante a súa presentación, a directora de Turismo de Galicia salientou que “este festival, nacido como lugar de encontro de artistas, letristas, músicos, poetas e escritores galegos, unidos polos sentimentos e valores culturais do universo galego-portugués é, sen dúbida algunha, unha aportación inconmensurable á oferta cultural galega, especialmente neste Ano Santo que estamos a celebrar”.

Neste senso, salientou a importancia deste tipo de eventos que axudan a que Galicia teña visibilidade nacional e internacional como destino hospitalario, creativo, innovador e con fondas raíces pero cunha gran capacidade para reinterpretarse sen esquecer a tradición.


O cartel inicial desta XVIII edición inclúe a banda escocesa Capercaillie, que actuará coa Real Filharmonía de Galicia, a artista angolana Pongo, os brasileiros Orquestra Voadora e Chico César, o trío do Rajasthan  Barmer Bous, as catalás Maruja Limón, a arxentina Sofía Viola e as galegas Guadi Galego e Antía Muíño.

Co Parque de Bonaval como centro neurálxico desta XVIII edición, Maré 22 reservará outras localizacións da cidade, como o Auditorio de Galicia, o Teatro Principal, a Sala Capitol ou a Praza da Quintana para a celebración de actuacións puntuais.