Broche de ouro en Pol a segunda edición de Saborea a provincia de Lugo




A Deputación de Lugo pxuxo este venres o broche de ouro ao Saborea a túa provincia no concello de Pol. Unha xornada que clausura a segunda edición desta iniciativa gratuíta, lúdica e gastronómica que destacou pola gran acollida. O autobús-cociña que abandeira esta proposta coa que a Deputación de Lugo quere axudar a dinamizar a economía percorreu ao longo do mes de agosto a provincia, con paradas nos municipios de Pantón, Chantada, Taboada, Trabada, O Valadouro, Vilalba, A Fonsagrada e Navia de Suarna.

Este venres, a cociñeira Mar Orosa, do restaurante El Oviedo (Ribadeo) elaborou en Pol unha receita de solombo Hoisin. A cita tamén incluiu un obradoiro de cociña para nenas e nenos a partir dos 6 anos e as actuacións musicais de Leña Verde e Atlántica.

A deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, salientou a gran acollida que tivo o Saborea a túa provincia este ano, o primeiro que non estivo condicionado polas restricións sanitarias. “Con esta iniciativa, que puxemos en marcha o ano pasado, buscamos incentivar o consumo dos produtos de calidade da nosa terra, ao tempo que realizamos unha actividade que encaixa perfectamente co noso modelo de turismo sostible e non masificado, unha fórmula para dinamizar a economía dos nosos concellos”, valorou a deputada.

García Porto explica que o programa Saborea a túa provincia deu un salto moi importante en asistencia este ano e que a boa acollida quedou reflectida nos 9 concellos polos que parou o autobús-cociña. “Estamos moi satisfeitos porque a resposta da xente foi moi boa e houbo uns niveis de participación moi altos en todas as actividades. O balance é moi positivo porque o cambio de formato tamén axudou a facer un Saborea máis áxil, dinámico e atractivo”, apunta a deputada de Promoción do Territorio e Turismo.

Instalado nos puntos céntricos das vilas, este programa naceu no verán do 2021 con vocación de continuidade “porque responde ao modelo de turismo polo que apostamos dende a Deputación de Lugo para favorecer o desenvolvemento socioeconómico da provincia: un turismo de calidade, sostible, non masificado, que pon en valor o patrimonio e que crea emprego, especialmente no rural”, explica Pilar García Porto.