Baiona estira o goce do verán con Sons do Casco, directos de dez grupos nas rúas




Concello de Baiona, a través da Concellería de Cultura, organiza un novo roteiro musical “Sons do Casco” co obxectivo fundamental de dinamizar e desestacionalizar a oferta cultural e de lecer baionesa. Este roteiro musical que terá lugar o venres e sábado, 16 e 17 de setembro, leva consigo dous días repletos de música en directo na que participarán un total de 10 grupos musicais con diferentes estilos que buscarán encher de música a Vila.

As actuacións celebraranse en seis escenarios distintos situados na Alameda Carabela Pinta, Praza Pedro de Castro, Rúa do Reloxo, Rúa Diego Carmona, Praza do Pai Fernando e a Praza Fonte de Zeta.

“Con iniciativas como estas queremos participar na reactivación económica do municipio. Queremos que non se perda o emprego, que nos se perdan negocios. Queremos axudar á hostalería e aos comerciantes baioneses. Con esta atractiva programación queremos seguir atraendo, sempre de maneira segura, xente a Baiona e ofrecerlle á cuidadanía local unha alternativa de lecer distinta. O roteiro musical Sons de Casco forma parte da programación da axenda cultural Baiverán, unha completa programación que ofreceu todo tipo de espectáculos para todos os públicos ao longo dos meses de xullo, agosto e tamén o fará en setembro. Unha opción de lecer gratuíta para o goce os veciños e veciñas do municipio e para aquelas persoas que se acheguen á localidade”, destaca o Alcalde, Carlos Gómez Prado.

Tanto o Alcalde, Carlos Gómez, como a Concelleira de Cultura, Miriam Costas, fan un chamamento á participación no evento. Unha oportunidade única para gozar da música en directo nun enclave único o Centro histórico de Baiona, declarado Conxunto de Interese Histórico-Artístico pola Dirección Xeral do Patrimonio en 1993”.