Arranca en Baiona o Barbeira Season Fest


A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, acudiu en Baiona a apertura dunha nova edición do Barbeira Season Fest que se celebra entre este 31 de agosto e o vindeiro 4 de setembro na vila do Val Miñor. A representante autonómica asistiu ao concerto sorpresa que protagonizou o director do festival, o músico vigués Pablo Novoa, xunto a Amaro Ferreiro, Wöyza e Uxía no balcón do Hotel Bayona.

“Esta nova entrega do festival non só conta cunha oferta ampla, para todos os públicos e de calidade, senón que ademais aporta orixinalidade con actuacións sorpresa nun establecemento remodelado de forma creativa”, sinalou a representante autonómica. Fernández-Tapias tamén estivo presente na “comida sorpresa” que se celebrou a mediodía no restaurante máis pequeno do mundo, outra das activades que aporta o festival este ano.

Esta nova edición do Barbeira Season Fest crece este ano tanto en días como en oferta musical, con máis de 20 grupos e artistas programados durante as cinco xornadas de concertos. León Benavente, Zahara, De Pedro e Triángulo de Amor Bizarro serán os cabezas de cartel dun festival que abriu coa mencionada actuación sorpresa non desvelada pola organización ata hoxe mesmo.

O parque da Palma acollerá o Escenario Vibra Mahou como recinto principal para a música, mentres que a Praza do Concello albergará o Escenario Xacobeo. Ademais, tamén aumenta a proposta de actividades culturais e gastronómicas que se estenderán polo municipio atravesado polo Camiño Portugués da Costa.

A gastronomía estará presente a través do “Rías Baixas. O restaurante máis pequeno do mundo”. Haberá tamén conferencias denominadas “Charlas en chanclas” na biblioteca ou actividades deportivas a través de bautismos de mar en paddle surf. Outras das orixinais propostas é o Hotel Season Zentolo no que 33 habitacións xa foron intervidas por artistas durante os últimos meses e servirán agora para microconcertos.