Apoio a Amigos da Cociña Galega para internacionalizar a gastronomía ourensá


O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, recibiu este xoves no Pazo Provincial ao presidente e vicepresidente de Amigos da Cociña Galega (Amicogal), Javier Outomuro e Paco Gómez, cos que concretou as liñas de colaboración que no 2023 manterán a institución provincial e maila asociación, que durante o próximo ano dedicará unha parte importante da súa actividade a proxectos de promoción da gastronomía ourensá.

Manuel Baltar valorou positivamente "a continuidade da alianza que desde a Deputación mantemos con este colectivo profesional", destacando "o noso compromiso cunha asociación de referencia en Galicia e que ten entre os seus representantes a grandes restauradores ourensáns". Nesta liña, o presidente do goberno provincial anticipou o apoio do goberno provincial "para colaborar no desenvolvemento de proxectos dirixidos á internacionalización da gastronomía da provincia".

A cooperación neste ámbito, engadiu Manuel Baltar, resulta fundamental para Ourense "por tratarse do territorio galego mellor conectado coa capital de España grazas á alta velocidade, co impacto económico que supón".

Javier Outomuro expresou en nome propio e de Amicogal o seu agradecemento a Manuel Baltar "polo seu apoio incondicional sempre que precisamos da colaboración da Deputación". O colectivo que preside, declarou, ten como obxectivo fundamental "axudar ao conxunto da cociña galega, aos nosos produtores e ao produto galego en xeral", puntualizando que grazas á cooperación do goberno provincial "no 2023 imos poñer en valor a calidade dos produtos e da cociña ourensá".