Animan aos praceiros a pedir axudas para crear redes de Mercados Excelentes


delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou este martes o mercado das Conchiñas para informar aos praceiros da nova liña de axudas para impulsar as prazas de abastos e para crear redes de Mercados Excelentes. Esta nova convocatoria contempla axudas tanto para os concellos como para as asociacións e federacións de praceiros e está dotada con 870.000 euros. O prazo para presentar as solicitudes estará aberto ata o vindeiro 6 de outubro.

En función dos beneficiarios, realizaranse melloras en accesos e infraestruturas, no mantemento ou na eficiencia enerxética, de acordo ao compromiso do Goberno galego de colaborar cos comerciantes, pemes e autónomos para facer fronte aos problemas actuais do prezo eléctrico. Tamén se impulsará a mellora dos servizos á clientela, a creación de marketplaces ou campañas de dinamización.

Trenor lembrou a aposta decidida da Xunta por este sector coa creación da rede de Mercados Excelentes en Galicia, en colaboración cos concellos e asociacións e federacións de comerciantes. Trátase dunha iniciativa que promove a Administración autonómica para recoñecer a calidade das infraestruturas, servizos e produtos das prazas e mercados galegos. Pode obterse máis información na web mercadosexcelentes.gal

Nos últimos seis anos a Xunta destinou 2,6 millóns de euros ao impulso das prazas de abastos a través das ordes de axudas destinadas a concellos e asociacións de comerciantes.

Durante a visita, Trenor salientou o papel que desenvolven as prazas como a das Conchiñas na vertebración dos barrios, e a súa importancia na dinamización económica, sendo un exemplo do que significa o comercio de proximidade.