Alimagro porá en Xinzo o foco na pataca desde hoxe ata o domingo


Nunha finca de produción agrícola como escenario presentouse a terceira edición da feira Alimagro, que se celebrará ao longo desta fin de semana. A iniciativa gaña peso con respecto á pasada edición e estarán representadas as principais marcas de maquinaria agrícola. Os tractores instalaranse no Toural, mentres que no pavillón de deportes colocaranse unha vintena de expositores. Ademais, o programa inclúe atractivas propostas como a degustación dunha tortilla de patacas xigante. Ao acto de presentación asistiron o concelleiro de Medio Rural, Amador Díaz; o concelleiro de Promoción Económica, Manuel Pérez, e o de Urbanismo, Ramón Gómez.

Amador Díaz asegurou que Alimagro promocionará “a pataca como o noso cultivo por excelencia” e insistiu en que “será un escaparate moi importante no que estarán representadas todas as firmas do mercado de tractores, mentres que no pavillón haberá degustacións todos os días”. O concelleiro de Medio Rural ofreceu algúns datos sobre a produción de pataca que se espera nun ano que foi atípico en canto ao clima: “A calor diminuirá a produción, sobre todo da variedade agria. Tamén variarán os prazos de recollida. Estamos nunha finca na que non se poderá recoller ata dentro dalgunhas semanas. Se continúan as altas temperaturas, o almacenaxe tamén será complicado”.

O edil de Promoción Económica, Manuel Pérez, asegurou que esta feira foi un obxectivo claro do executivo local dende que chegou o goberno: “Era inadmisible que neste concello non houbera unha iniciativa destas características, este é o camiño e temos que seguir promocionando os nosos produtos”.

A programación comeza este mesmo xoves día 1 de setembro na Casa da Cultura con charlas sobre produtos microbiolóxicos ou zonas vulnerables á contaminación por nitratos. As portas do recinto feiral abriranse o venres ás 10.00 horas, se ben a inauguración prevese para as 12.00 horas. Seguidamente comezará a cociña en directo e as degustacións.

O sábado día 2 elaborarase unha tortilla xigante con patacas da Limia e os asistentes poderán probala de forma gratuíta. Na súa preparación colaboran Coren, Aceites Abril e a Asociación de Produtores de Pataca da Limia.

Ademais das degustacións, para o domingo día 3 prevese tamén, a partir das 11.00 horas, o percorrido da xugada de vacas do Anxo de Morgade, coa mostra de apeiros de labranza