Abre o prazo para que as empresas pesqueiras acudan a feiras co amparo da Consellería do Mar


A Xunta de Galicia abre o vindeiro luns 3 de outubro, ás 10,00 horas, o prazo de inscrición para aquelas empresas produtoras e comercializadoras de produtos do mar con sede social en Galicia que estean interesadas en participar ao amparo do posto da Consellería do Mar nalgunha feira nacional ou internacional no primeiro semestre de 2023 para promocionar os seus bens e servizos da pesca, o marisqueo, a acuicultura ou a transformación dos produtos mariños.

O Executivo autonómico ofrece a posibilidade de participar en dúas modalidades ao amparo do stand da Consellería para aumentar o impacto no visitante e que as firmas galegas incrementen as súas relacións comerciais. Por unha banda, poderán asistir como coexpositoras –dispoñendo dun espazo de 9 a 12 metros cadrados– ou a través dun centro de negocios –para aquelas que non desexen acudir todos os días da feira ou queiran facer unha visita exploratoria– e aumentar a súa visibilidade.

Así, aquelas empresas interesadas en participar nestas accións para consolidar ou abrir novas vías de negocio en mercados emerxentes e potenciar a demanda de peixe e marisco galego, ou ben recibir información sobre estas accións, poderán formalizar a súa inscrición e solicitude a través do portal Feimar, accedendo con Chave365 ou certificado dixital persoal.

A Consellería do Mar acudirá no primeiro semestre de 2023 a diferentes feiras sectoriais como a Seafood Expo North América de Boston e a Aquafuture Spain de Silleda –ambas en marzo–, o Salón Gourmets de Madrid e a Seafood Expo Global de Barcelona –que terán lugar en abril– e a Tutto Food de Milán no mes de maio.

Neste 2022, coa normalidade expositiva recuperada, o calendario de participación neste tipo de eventos inclúe un total 13 feiras nacionais e internacionais –tendo en conta a opinión e intereses das propias empresas á hora de seleccionar os destinos–, cun investimento de arredor de 2,6 millóns de euros.

Unha delas é Expomar Cabo Verde que se celebra hoxe e mañá na Illa de Mindelo e na que a Consellería do Mar participa cun expositor de 36 metros cadrados que acolle a nove entidades galegas relacionadas co eido marítimo-pesqueiro e apoiará coa súa presenza a estas e outras empresas galegas que acoden ao certame. Entre elas, as que asisten no marco dunha misión comercial organizada pola Cámara de Comercio da Coruña.

O obxectivo é afianzar os lazos comerciais no eido marítimo-pesqueiro entre Galicia e o país africano así como co resto de empresas asistentes a este evento internacional.