A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade dará a coñecer no Fórum Gastronómico -que se celebra na Coruña entre o 25 e o 27 de setembro- as fórmulas da economía social para o emprendemento e a posta en marcha de actividades económicas. Un stand deste departamento dará cabida un ano máis a cooperativas e empresas do sector.
A Xunta quere aproveitar o Fórum, que se celebra no recinto Expocoruña da cidade herculina, para contribuír á promoción das empresas de Economía Social e das cooperativas galegas, coa intención de brindarlles un espazo no que dean a coñecer os seus produtos e servizos ao público en xeral e aos profesionais da gastronomía.
A nova edición do certame basearase na sostenibilidade como eixo temático e contará coa presenza de chefs estrela Michelín, e un espazo feiral no que estarán representadas grandes empresas, pequenos produtores e artesáns alimentarios.
O stand da Economía Social convertirase en escaparate para diferentes empresas que este ano exporán os seus produtos do sector dos lácteos e derivados (Condado Paradanta, Bico de Xeado, Produtores de Campo de Capela, Queixería Gaia); vitivinícolas e derivados (Bodega Cooperativa Jesús Nazareno, Bodegas Eidosela e Barbudos); hortofrutícolas (Terras da Mariña e Postoiro) e outras actividades agroalimentarios (Da Veiga e A Factoría do Lume).
O expositor achegará ademais información sobre estas entidades con gran presenza na comunidade e dará a coñecer de primeira man o compromiso de todas elas co emprego igualitario e de calidade e co territorio.
O horario de visita ao Fórum no recinto Expocoruña será 10.30 a 20.00 horas, do próximo domingo ao martes.