O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, desprazouse ao concello de Muíños para achegarse, acompañado do alcalde, Plácido Álvarez, ao xacemento etnográfico do foxo do lobo do Salas, en Muíños coincidindo co comezo dos traballos de escavación e consolidación, nos que a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades vai investir máis de 27.000 euros na edición programada para este ano, que sumados aos do ano anterior superan os 45.000 euros.
O delegado territorial subliñou a importancia destas accións de conservación, “pois grazas a elas a nosa cultura e o noso patrimonio mantéñense fieis á súa versión orixinal, gardan os seus valores históricos e culturais, e deixan este espazo conservado para que futuras xeracións poidan gozar plenamente da arte”.
Para Gabriel Alén “o patrimonio cultural é fundamental para protexer o noso sentido do que somos. Proporciónanos unha conexión irrefutable co pasado, con determinados valores sociais, crenzas, costumes e tradicións, que nos permite identificarnos cos demais e profundar no noso sentimento de unidade e pertenza a unha comunidade”
Por iso, o representante do Goberno galego puxo en valor o compromiso da Xunta de Galicia coa posta en valor do patrimonio cultural e coa conservación dos diferentes restos arqueolóxicos da provincia de Ourense e da Comunidade.
A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades tamén está a levar a cabo distintas intervencións arqueolóxicas na provincia; no castro de Sansón de Camba, en Castro Caldelas (17.600€); no Castro de Armeá, en Allariz, (20.000€); no Castro de Cameixa en Boborás, (16.000€) e no Castro de Garcián, en Beariz (13.745€).
Os traballos
O delegado territorial explicou que os traballos a desenvolver consistirán na limpeza da vexetación instalada no foxo do lobo, para que sexan ven visibles as ruínas dos seus muros de cachotería tradicional; así como a roza do seu perímetro, actualmente composto por pequenos restos de madeiras, xestas, cañotos e carqueixas (área de actuación duns 1.500 m2).
Así mesmo, desenvolverase a consolidación e restauración do mural perimetral do foxo do lobo, baixo control arqueolóxico, en sensación de ruína entre 0,50 e 1 metro de altura e en acabado irregular, complementado cun tramo de 10 metros restaurado integramente coas súas capeas (tramo didáctico).
Tamén se acometerán accións de sinalización e divulgación como a recreación con fins didácticos da escena final no foxo do lobo, coa instalación dunha figura de lobo e dunha cabrita en aceiro corten, totalmente integrado na paisaxe. Instalación dun tótem indicativo realizado en aceiro corten coa denominación do ben etnográfico, e realizarase
O foxo de lobo do Salas
O foxo de lobo do Salas sitúase no concello ourensá de Muíños, nunha área de gran valor natural, paisaxístico e patrimonial sita no val do río Salas dentro do Parque Natural Baixa Limia-Serra de Xurés, en concreto na Veiga de Requiás.
Trátase dun ben etnográfico representativo da paisaxe agraria tradicional das serras do noroeste peninsular, empregado ata mediados do século XX para a caza diste emblemático animal. En Galicia existen unha importante presenza deste tipo de construcións pétreas que teñen a súas orixes xa na Idade Media. Co paso do tempo, axentes naturais e antrópicos incidiron na conservación destas construcións, e así moitas delas chegaron ata hoxe en estado ruinoso ou moi deterioradas, salvando agradables excepcións.
Neste sitio etnográfico leváronse a cabo no ano 2021 unha serie de traballos arqueolóxicos promovidos pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades que consistiron na realización da limpeza do interior do recinto do foxo do lobo e no seu contorno, tamén se fixo un levantamento topográfico do ben e a realización de 3 sondaxes arqueolóxicas para comprobar o seu sistema construtivo de cara a súa posible posta en valor.
En base aos datos arqueolóxicos rexistrados nesta intervención se pode dicir que o foxo de lobo de Requiás é un foxo de forma oval que presenta un muro pétreo de cachotería irregular que engloba un espazo duns 1.450 m2, cunhas medidas de 51 metros no eixe norte-sur e 41 metros no eixe leste-oeste. Hoxe en día o dito muro perimetral atopase practicamente a nivel de cimentación, conservando un par de fiadas, pero que na súa orixe puido chegar aos 2 metros de altura e coroado por lousas planas, chamadas capeas, que sobresaían cara o interior coa función de impedir a saída do lobo do interior do recinto.
Tendo en conta os valores históricos e patrimoniais que aglutina o foxo do lobo de Requiás anteriormente referidos, a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades e o Concello de Muíños consideran de interese levar a cabo neste ano 2022 traballos de restauración e posta en valor do referido ben etnográfico coa finalidade de favorecer a súa conservación e posta en valor e así contribuír ao coñecemento e difusión do patrimonio cultural da bisbarra.