A Xunta e o Goberno harmonizan as medidas de control da vendima


O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, participou este lunes nunha xuntanza celebrada na Subdelegación de Goberno co obxecto de coordinar os recursos dos Gobernos central e autonómico para o control do transporte de uva e de mosto en estrada na provincia de Ourense nestas datas de vendima e evitar, así, situacións fraudulentas que se poidan producir coa entrada de uva foránea.

Na reunión tamén participaron o subdelegado de Ourense, Emilio González, responsables da Policía Nacional e Autonómica e da Garda Civil, así como responsables dos consellos reguladores das denominacións de orixe existentes na provincia: Ribeiro, Ribeira Sacra, Valdeorras e Monterrei.

Trátase de verificar o cumprimento da normativa europea, nacional e autonómica relativa ao transporte destes produtos vitivinícolas e establecer criterios de coordinación entre as distintas administracións e consellos reguladores para o control de entrada de uva foránea; e nos que se vén traballando de xeito permanente con intercambio de información.

O delegado territorial informou que a Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), dependente da Consellería do Medio Rural, comezou xa, por cuarto ano consecutivo, os controis na vendima para asegurar e preservar a calidade dos viños das denominacións de orixe (DO) de Galicia.

Trátase dun plan propio da Xunta que ten como principal obxectivo evitar situacións fraudulentas que se poidan producir desvirtuando o sistema xeral de control de calidade diferenciada dos viños galegos con denominación de orixe, asegurando e preservando a calidade dos seus viños. Dentro das accións enmarcadas neste plan, xa deu comezou o control de parcelas, transporte.

Para o control, cóntase cun equipo -idéntico ás últimas campañas- formado por 15 persoas, das cales 12 son inspectores de campo e tres técnicos. Este programa púxose en marcha en coordinación con tódolos consellos reguladores de cada unha das denominacións de orixe (Rías Baixas, Ribeiro, Valdeorras, Ribeira Sacra e Monterrei).

No ano 2021 os inspectores realizaron o control sobre 4.705 parcelas, que corresponden a un total de 446 viticultores, así como a 116 adegas das diferentes denominacións. Así, este ano faranse inspeccións a viticultores, a adegas, en transporte (verificación de cargas e descargas), controis de centros de acopio, controis de aforos e vixilancias nocturnas e diúrnas.