A Xunta cede ao Ifevi o novo pavillón que estreará Conxemar


A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, informou este xoves que o Goberno galego vén de formalizar a cesión do novo pavillón ao Instituto Feiral de Vigo (Ifevi), que se estreará na Feira Internacional de Produtos do Mar Conxelados (Conxemar), tras un investimento final de 8,3 millóns de euros.

“Este pavillón é unha mostra máis do noso compromiso con Vigo e garante a consolidación do recinto como referente para as grandes feiras internacionais como Conxemar, Navantia ou Mindtech”, sinalou a representante autonómica durante unha visita ás instalacións na que estivo acompañada polo director xeral de Comercio, Antonio Heredia, e o xerente do Ifevi, Arsenio Prieto

Fernández-Tapias explicou que a feira Conxemar, adicada aos produtos conxelados do mar e que se celebrará nos primeiros días de outubro, contará este ano con espazo suficiente para atender a demanda das firmas que solicitan a súa presenza en Vigo. Ademais, tamén confirmou que o módulo cuberto de atletismo, cun investimento de 312.000 euros, será instalado unha vez remate dito evento.

As obras de ampliación, realizadas mediante un convenio de colaboración entre a Vicepresidencia segunda e a Consellería de Economía, Empresa e Innovación e a Axencia Galega de Infraestruturas, dependente da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, consistiron na ampliación do Ifevi coa construción do Pavillón 5.

O recinto feiral gaña así unha nova superficie construída de 6.572,80 m2, dos que 5.536,05 m2 se corresponden coa ampliación e 1.036,75 m2 coa reforma do edificio existente. Esta ampliación súmase á xa realizada en 2018, na que a Administración autonómica investiu máis de 4 millóns de euros. En total, desde 2005 a Xunta de Galicia leva investidos neste recinto feiral de referencia máis de 15 millóns de euros, aos que se suma agora este novo investimento.

Pola súa banda, o módulo de atletismo, do que se verán beneficiados preto de 1.000 atletas repartidos entre os 15 clubs da área metropolitana de Vigo, contará cunha recta de atletismo de 60 metros de lonxitude e seis rúas, ademais de catro zonas diferenciadas para a práctica do salto de lonxitude e triplo salto, lanzamento de peso, salto con pértega e salto de altura.