A Xunta avanza a próxima presentación da Estratexia de dinamización do sector cárnico co gallo de impulsar tanto a produción como o consumo. Así o destacou o conselleiro do Medio Rural, José González, que acompañado do director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, mantivo este mércores un encontro con membros da Asociación de Gandeiros Galegos da Suprema.
No encontro, o titular de Medio Rural recordou que esta folla de ruta virá perfilar os eixes estratéxicos e accións que deben implementarse no eido cárnico deica o ano 2030. Un proceso no que están implicados todos os axentes involucrados (gandeiros, industrias, cadeas de distribución ou asociacións e organizacións profesionais agrarias) e que se leva a cabo da man da Fundación Juana de Vega, como aconteceu coas Estratexias do lácteo e do viño, xa en marcha.
Así mesmo, na reunión tratáronse as axudas directas e extraordinarias habilitadas por un importe superior aos 17 millóns de euros para que o sector cárnico poida paliar a suba de custos de produción agravada tras a invasión rusa de Ucraína. José González lembrou que os produtores que solicitaron os correspondentes anticipos poderán recibir estes cartos de xeito inmediato, grazas a unha operación a un ano acordada cos bancos que se fará con custo cero para os beneficiarios. Segundo engadiu, coas novas subvencións iguálanse as axudas do Estado nos sectores de vacún de cebo, ovino, cabrún, avícola e cunícola. Mentres, no caso do vacún en extensivo, increméntanse as achegas do Goberno central nun 46%, ata os case 14,6 millóns de euros.
A xuntanza tamén serviu para abordar a campaña de promoción que se lanzará este outono a nivel nacional para fomentar o consumo de produtos co selo Ternera Gallega Suprema, en colaboración coa indicación xeográfica protexida (IXP) Ternera Gallega. Contará cun orzamento de 1,4 millóns de euros, segundo lembrou José González, a metade deles aportados polo Goberno galego.
A maiores, na reunión tratáronse outros apoios da Xunta ao vacún de carne como o protocolo de entendemento histórico asinado en marzo entre todos os elos da cadea de valor para frear a venda a perdas. Tamén os 200 millóns convocados en adiantos das axudas da PAC ou a liña de financiamento de circulante para explotacións de gando bovino dotada con 5 millóns para alcanzar os 25 millóns en préstamos concedidos.
Así mesmo, o conselleiro quixo poñer en valor as inmensas posibilidades que ofrece a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia para aumentar a base territorial das explotacións e incrementar a súa rendibilidade. Nesa liña, recordou que se están a mobilizar máis de 9.300 hectáreas en toda a comunidade a través de 21 aldeas modelo aprobadas e 21 polígonos agroforestais en distintas fases de execución, cos usos gandeiros como fundamentais.
Tamén se referiu ao Plan pastos, que está a converter áreas de montes veciñais en pasteiros para promover un mellor aproveitamento dos recursos naturais e traballar na anticipación aos incendios forestais, ao tempo que se aposta pola competitividade das granxas. Este programa contempla ata catro fases de execución, coas que está previsto actuar nunha superficie aproximada de 2.250 hectáreas e un investimento total de arredor de 9,5 millóns de euros.