A semana cultural pesqueira no Camiño vincula Xacobeo con actividades marítimas


A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou na presentación do proxecto “Semana cultural pesqueira no Camiño”, beneficiario do programa O teu Xacobeo.

Durante a súa presentación, Castro puxo en valor esta iniciativa, onde se realizan, de xeito coordinado, todo tipo de actividades de promoción dos valores do Camiño en relación co sector marítimo pesqueiro e o seu patrimonio, material, inmaterial, natural e humano, en localidades polas que transcorre esta ruta.

Grazas a esta iniciativa, os organizadores contemplan a realización de actividades turísticas e culturais como navegación en embarcación tradicional, talleres de marisqueo, visitas guiadas, actuacións culturais como teatro e música, etc. ao longo do Camiño de Santiago pola costa, ofrecendo unha ampla variedade de accións para turistas e o resto da cidadanía.

“Iniciativas como esta amosan a importancia do programa O teu Xacobeo, que ten sido a maior convocatoria aberta de proxectos socioculturais de Galicia, poñendo de de manifesto que o Camiño de Santiago e o Xacobeo están moi presentes no conxunto da sociedade galega”, indicou Castro.

A través do programa O Teu Xacobeo, dende a Xunta de Galicia estase a levar a cabo proxectos socioculturais que complementan a programación do Xacobeo, implicando á cidadanía na súa celebración con propostas culturais e creativas que axuden a poñer en valor o Camiño de Santiago, apoiando máis de 572 proxectos de 200 concellos galegos que supuxeron un investimento da Xunta de 8 millóns de euros e permitiron mobilizar case 15 millóns de euros en ámbitos como o turismo, a cultura, o deporte ou a acción social, entre outros.