A provincia de Pontevedra, líder en Galicia en oficinas de turismo con "Q" de calidade




A calidade da atención turística ás viaxeiras e viaxeiros que visitan a provincia de Pontevedra está a ser avalada polo alto número de distincións que reciben as oficinas de turismo ao longo e ancho do territorio. O destino Rías Baixas conta con 12 centros galardoados coa “Q” de calidade concedida polo Instituto da Calidade Turística Española, feito que convirte a provincia en líder en Galicia neste eido.

Actualmente contan coa “Q” as tres oficinas da Deputación de Pontevedra: a sede central de Turismo Rías Baixas no Palacete das Mendoza, a oficina do aeroporto de Vigo; e a de Armenteira en Meis. Ademais locen o distintivo nove oficinas municipais da rede Info Rías Baixas, concretamente a da Illa de Arousa, Caldas de Reis, Cambados, Casa da Bola en Cangas, A Estrada, Baiona, Nigrán, Casal de Ferreirós en Poio e Cuntis. A rede está formada por 33 oficinas e o obxectivo da Deputación é sumar progresivamente novos distintivos de calidade turística.

Ademais, a Deputación de Pontevedra recibiu o ano pasado a “Q” para o museo do castelo de Soutomaior, que se converteu no primeiro recinto museístico de todo o Estado en obter este galardón. A fortaleza foi distinguida tras acreditar a calidade da planificación da actividade museística, prestación de servizos, xestión das instalacións, mantemento e equipamento.

A “Q” de calidade turística é unha marca de recoñecido prestixio dirixida á certificación de servizos turísticos. Achégalles aos establecementos que a ostentan diferenciación, fiabilidade e promoción a través da Secretaría de Estado de Turismo e das comunidades autónomas. No caso das oficinas, a Deputación de Pontevedra está a facer un importante esforzo para dotar á rede Info Rías Baixas de novos medios destinados á atención ao público e á mellora da xestión turística. Todas elas comparten plataforma tecnolóxica e teñen unha imaxe corporativa común, o que facilita a súa identificación por parte do público e ofrece un servizo homoxéneo en todo o territorio.

En canto ao museo da fortaleza de Soutomaior, as súas salas amosan de maneira entretida e didáctica, cun uso de audiovisuais e outros medios punteiros, información acerca da súa historia, dos e das personaxes ilustres que a habitaron, a súa importancia en Galicia e a integración no contorno paisaxístico.

O castelo é xa un referente turístico, cultural e do patrimonio histórico da provincia de Pontevedra e está a experimentar un auxe de visitantes. No mes de agosto alcanzou o seu récord, con 8.240 persoas que acudiron a coñecer e desfrutar do atractivo desta impoñente fortaleza do século XII, do museo e do espléndido xardín, o primeiro en recibir a declaración de Excelencia Internacional en Camelia concedida pola Sociedade Internacional da Camelia.

Recentemente o Museo de Pontevedra pasou a auditoría da “Q” de calidade con moi bo resultado. A Deputación recibirá en 2023 o distintivo para o recinto na gala de entrega que se celebra no marco da Feira Internacional de Turismo (FITUR).