O Festival Tándem debuta este xoves na Coruña cunha proposta musical de vangarda que se desenvolverá ata o domingo 18 cun total de 16 actuacións exclusivas que só se poderán desfrutar en directo en seis salas de concertos da cidade: O Túnel, Filomatic, Sala Inn, Playa Club, Garufa e Mardi Gras. O Concello deseñou, xunto coas salas, este orixinal proxecto que agora se pon en marcha.
O ciclo, unha iniciativa coa que se pretende avanzar na estratexia de reactivación do corazón do circuíto musical coruñés, presenta unha programación de concertos singulares coa intervención de dous artistas ou grupos en cada un deles, que se unirán no escenario con plena liberdade para desenvolver actuacións únicas que mesturan tanto xéneros como artes, xa que van máis alá da música para afondar tamén na poesía ou na videocreación, atendendo a contidos que hoxe demanda boa parte do público, afastados da escena comercial e apostando por visións máis arriscadas.
O Festival Tándem, que coordina Marcos Gendre, achegará durante catro días numerosas maridaxes musicais e artísticas como o choque xeracional de Tórtel con Luna Valle ou a diversidade de estilos, co post-pop de El Hijo e o eco-synthpop de Caliza. Tamén se abordará a unión cultural desde a pulsión tecno dos coruñeses Jean Fixx e Lefrenk e fusións que abranguerán desde o pop vangardista proposto por Magia Bruta e Dotore ao hip hop cibernético de Erik Urano e Zar1, pasando pola alianza entre o grupo pontevedrés de pop electrónico Músculo! e a chelista chilena I.O.
Tándem servirá ademais como escaparate do talento local emerxente e situará fóra da súa zona de confort a artistas consagrados no ámbito alternativo como Hidrogenesse e Doble Pletina ou como Pablo Und Destruktion e Fee Reega. Outras maridaxes destacadas que se verán no ciclo son as de figuras do pop actual Queidem e Green T ou Interrogación Amor e Algo, así como o punk de Sofía e Viuda.
O groove na pista de baile será outra das características deste evento, con unións tan exóticas como a proposta polos composteláns Blanco Palamera xunto cos mexicanos Zuaraz e grandes nomes da electrónica como B1N0 e Phoac.
Dentro do panorama musical galego destacan en música electrónica Pantis e Fotocopia. Ademais, a poeta de Miño Lúa Mosquetera musicará os seus poemas co apoio eléctrico de Bala. A poesía será tamén a protagonista na actuación que o grupo pop de Carballo Chicharrón compartirá xunto a Rosalía Fernández Rial.
Na presentación do festival o pasado mes de xuño, a alcaldesa, Inés Rey, salientou que A Coruña conta cunha oferta excepcional tanto en grande como en pequeno formato, tal como demostra o novo proxecto das salas da cidade, que pon de relevo a súa madurez, a súa diversidade, o seu arraigamento e o seu músculo nunha industria fundamental no sector cultural. Rey reiterou o compromiso do Goberno municipal por fornecer a integración das salas coruñesas como un circuíto sólido e con proxección, non só dirixido ao público coruñés, senón tamén como reclamo turístico nunha das cidades do norte peninsular con maior cifra de visitantes nacionais e estranxeiros, e na que o ocio cultural é un dos principais valores da súa oferta.