A Deputación de Lugo retomou o programa Coñece a túa provincia


A Deputación de Lugo retomou a segunda edición do programa de viaxes gratuítas Coñece a túa provincia. En total son 55 as asociacións e colectivos lucenses os que contan xa coas súas reservas para viaxar polo territorio en outono ata o mes de novembro. Preto de 1.800 persoas de máis de 85 entidades sen ánimo de lucro xa se beneficiaron en primavera desta iniciativa provincial.

A Deputada de Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, lembrou que “estamos ante un programa que funciona e cumpre cos obxectivos: facer comunidade, favorecer que os nosos veciños e veciñas coñezan a súa propia provincia, o seu entorno máis próximo e, con iso, dinamizar a actividade do turismo, da hostalería e do comercio, así como consolidar un modelo de turismo de calidade, sostible, con capacidade para atraer visitantes ao longo do ano, que pon en valor o patrimonio e que mantén e crea emprego, sobre todo no rural”.

O programa Coñece a túa Provincia inclúe, de balde, o transporte para os traslados de ida e volta dende o lugar ou lugares de orixe, póliza de seguros de viaxeiros, menú de xantar, e entradas e visitas a diferentes lugares de interese da provincia de Lugo. Estas visitas realízanas profesionais que contan coa habilitación de guía oficial de turismo de Galicia e persoal de atención ao público nos diferentes museos, empresas ou obradoiros sinalados nos itinerarios do programa.