A Coruña pon en valor as festas como revulsivo para o sector hostaleiro e turístico



A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, mantivo unha xuntanza con representantes do sector hostaleiro e turístico da cidade para valorar a tempada estival e facer balance das festas celebradas nos últimos meses. Todos os presentes coincidiron en destacar o papel dunhas celebracións "históricas", tal e como apuntou a rexedora tras a reunión.

No encontro, celebrado en María Pita, estiveron presentes Agustín Collazos, presidente de Hospeco, Héctor Cañete, presidente da Asociación de Hostalería da Coruña, Álvaro Lens, xerente de A Coruña Convention Bureau; Óscar Regal, representante da Asociación de Axentes de Viaxes de Galicia na Coruña, Paloma Orjales, representante da Asociación de Organizadores de Congresos e responsable de Orzán Congress, Juana Avellaneda, directora de Palexco; Pilar López, responsable de Expocoruña e Isabel Fouz e Lucía Vieito, da Federación de Asociacións Veciñais da Coruña.

Rey destacou o papel destas festas "nun momento decisivo, tras dous anos de restricións, que ademais afectaron especialmente a sectores que foron os máis beneficiados nestas celebracións, como a hostalería, o taxi, os artistas ou tamén os técnicos de son e de imaxe". As persoas asistentes á reunión destacaron o carácter reactivador destas celebracións. "Xerar actividade económica é tamén unha política social", dixo a rexedora. Xunto á alcaldesa, tamén tomaron a palabra Agustín Collazos e Héctor Cañete, que agradeceron o papel levado a cabo polo Concello durante este verán e a colaboración activa do Goberno de Inés Rey para fortalecer a recuperación económica no sector.

A alcaldesa destacou a gran cantidade de eventos que xeraron riqueza para a cidade, comezando co regreso do San Xoán e a recuperación do estadio de Riazor como recinto de grandes eventos grazas á celebración do Morriña Fest. As Festas de María Pita marcaron un punto de inflexión como a gran celebración de toda a cidade. Os festexos de agosto estiveron marcados pola grande asistencia a todos os eventos organizados polo Concello e o comportamento cívico da cidadanía. "A principal protagonista deste agosto foi a xente da Coruña. Tanto pola súa demostrada capacidade para acoller a quen nos visita como polo seu comportamento cívico. Houbo centos de milleiros de persoas na rúa sen que se producise ningún incidente de relevo", apuntou Inés Rey.

As festas marcaron un fito tamén no que ten que ver coa presenza de artistas galegos. Inés Rey destacou o Festival Noroeste Estrella Galicia, que por primeira vez tivo como cabeza de cartel en Riazor a unha banda en galego, cun éxito histórico. A actuación das Tanxugueiras reuniu a máis de 80.000 persoas no areal. O resto do festival tamén foi un "éxito indiscutible", con novos escenarios e unha notable presenza de artistas femininas. A cultura galega tivo o seu protagonismo na Romaría de Santa Margarida, que pechou xunto co concerto de Manu Chao as Festas de María Pita. O Goberno de Inés Rey apostou este verán pola recuperación deste espazo para concertos, que acolleu actuacións no Noroeste, un festival de rock alternativo, un festival de electrónica, os directos da romaría e o recital de Manu Chao.

As Festas de María Pita e os seus concertos reuniron a case medio millón de persoas en conxunto. Segundo as cifras recompiladas, houbo 238.500 asistentes nas Noites de María Pita, 184.000 no Festival Noroeste Estrella Galicia, 50.000 no Morriña Fest e 20.000 na Semana Clásica. "Estas foron unhas festas de toda a cidade que se descentralizaron e se estenderon por todos os barrios con eventos como Manicómicos e Cascarillarte, que se celebraron en 19 prazas e espazos da urbe", sinalou Inés Rey durante a rolda de prensa.

A alcaldesa destacou tamén a recuperación das festas dos barrios, nas que o Concello colaborou na organización desde o mes de maio. Houbo festexos en 16 barrios, dos Rosales ao Barrio das Flores. Estas celebracións prolongaranse en nove barrios máis ata o mes de outubro.

Ademais da asistencia, a alcaldesa puido comprobar da man dos representantes dos sectores hostaleiros e turísticos que as cifras de activación económica acadaron tamén grandes fitos. Por exemplo, nos concertos das Festas de María Pita e do Noroeste participaron máis de 40 promotores de diferentes empresas de Galicia, o 57 % con sede na cidade. Por outra banda, os hoteis da cidade tiveron unha ocupación media do 90 % durante todo o verán, incrementándose a súa facturación nun 15 % respecto ao ano 2019, previo á pandemia.