Zafarrancho voluntario contra os residuos na Reserva da Biosfera Terras do Miño


A Deputación de Lugo colabora co voluntariado ambiental xunto con outros colectivos ecoloxistas organizando actividades de recollida de residuos en Friol e Cervantes no marco da acción 1m2 contra a basuraleza, do proxecto Libera de SEO/BirdLife, en alianza con Ecoembes. Serán este domingo, 7 de agosto, en Friol e o venres da vindeira semana, 12 de agosto, en Cervantes. Dous municipios que se integran na Reserva da Biosfera Terras do Miño e Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá, ambas xestionadas pola institución provincial.

A primeira destas actividades de sensibilización medioambiental terá lugar o domingo pola mañá, ás 11:00 horas, en Friol, fixando como punto de encontro o Parque Rosalía de Castro. E, no caso de Cervantes, a acción será o venres 12 de agosto, comezando tamén ás 11:00 horas dende a Escola de Piornedo.

O obxectivo desta iniciativa é concienciar e mobilizar á cidadanía para manter os espazos naturais libres de lixo e que se poida, deste xeito, liberar moita máis vida en favor da biodiversidade. Esta convocatoria cidadá pretende que o lixo que se atope nas zonas naturais se reduza a cero.

Esta iniciativa forma parte da liña de traballo que se marca dende a Deputación de Lugo para as dúas Reservas, co fin de impulsar con colectivos que forman parte dos órganos participativos accións e actividades que redunden na conservación e na mellora do territorio. Nesta ocasión, lánzase a actividade da man das asociacións Corripa, Teitos de Piornedo, REAMA, A.C. O Teixeiro.