Volve un agosto completo para gozar de Betanzos co Globo e Os Caneiros


“Volven as festas. Volve o Globo, volven Os Caneiros. Volven vos días de encontro coa nosa xente; cos da casa, que viven fóra; cos de fóra que aquí se senten como na casa, e con quen, en xeral, vén gozar a Betanzos achegando a súa alegría e aprendendo da nosa”. Así presentou a alcaldesa, María Barral, o amplo programa de festas patronais 2022 que terán o seu día previo o día 12, ás 20:30 horas, co tradicional concerto Cidade de Betanzos no que participarán a Banda Municipal de Música, a Agrupación Musical Carlos Seijo e a Coral Polifónica de Betanzos. Será o preámbulo dunhas festas nas que, segundo a primeira edil, “Betanzos volve a vivir a maxia das festas. Nas que volverá a música, as orquestras, os concertos; o teatro, as actividades na rúa, as competicións deportivas… e a normalidade”.

A primeira edil indicou que as festas terán un amplo programa de actividades non só para gozar os betanceiros e betanceiras senón tamén para que Betanzos sexa un punto de atracción de moitos e moitas visitantes durante este mes de agosto o que redundará de forma importante na economía local e de forma especial no comercio e a hostalaría.

María Barral presentou o “magnífico cartel” deseñado polo betanceiro Xosé Tomás con protagonismo especial para dous símbolos das festas, Os Caneiros e o Globo, nun acto que no que tamén presentou aos mómaros e cabezudos que se “restauraron, cambiaron as vestimentas e que seguirán formando parte da tradición das festas nos desfiles”.

O programa, dirixido a todas as idades, con actividades culturais, deportivas e sociais, comezará o día 14 coa coroación da Raíña das festas, Nerea Abruñedo Fernández. E a lectura do pregón por conta da vicepresidenta primeira do Goberno, Nadia Calviño.

Ese primeiro día comezarán tamén as actuacións musicais, neste caso cunha noite dedicada ao POP do 80 baixo o título “1980 Pop Festival”, con máis de tres horas de concerto e que chega a Betanzos nun espectáculo que foi visto por máis de 200 000 persoas.

O día 15 será a quenda da orquestra Panorama mentres que o día 16, do Globo, a actuación será para a orquestra Los Coleguitas. O programa continuará o día 17 no claustro cos grupos de cámara da Banda Municipal de Música e o día 18 coa Orquestra Miramar.

O día 19 farase unha homenaxe a Fito e Fitipaldis a través dunha banda tributo Corazón Oxidado; e antes con The Nunzias Rock Band que repasará temas de rock nacional e internacional, lembrando a Tina Turner, ACDC; Guns and Roses, Police…

O día 20 outra das grandes citas coa actuación, primeiro, de Pablo Martín, e despois con ROSARIO. O día 21 será dedicado ao folk con Treixadura e o día 22 co concerto extraordinario da Orquestra Gaos na praza dos Irmáns García Naveira con bandas sonoras películas de Disney.

O día 23 a festa será no centro histórico, coa actuación de Los Alcántara e as súas interpretacións da época dourada da música española.

Os días 23 e 24 haberá un protagonismo especial para os nenos e as nenas con actividades no Pasatempo e un espectáculo especial coa Banda do Verán.

O programa pecharase coa actuación da orquestra París de Noia o día 25.

De cara aos Caneiros, os días 18 e 25 desenvolveranse dispositivos especiais. O Concello xa mantivo unha serie de reunións con outras administracións e forzas e corpos de seguridade para coordinar diversas actuacións, reforzando a vixilancia no campo da romaría e no río. A alcaldesa aproveitou a comparecencia desta mañá para mandar unha mensaxe de responsabilidade.

Canto ao Globo, o espectáculo máis importante das festas, destacou que se están a ultimar todos os preparativos dun acto que, por primeira vez, se desenvolverá desde a Fundación Globo de Betanzos, integrada por representantes da familia Pita e o Concello.

A primeira edil destacou ademais “os numerosos eventos deportivos que terán lugar tamén durante as festas como o Trofeo San Roque de Fútbol, o Trofeo Cidade de Betanzos; o torneo de veteranos; ou o de Fútbol sala masculino e feminino. Teremos o Trofeo de Billarda e a cucaña”. Ademais, lembrou os prezos reducidos nas atraccións para os nenos o día 17 de agosto.