Volve a Feira Franca a Pontevedra co río Lérez como temática central


A Feira Franca regresa a Pontevedra logo de dous anos sen poder ser celebrada e faino co Lérez como protagonista e coa Boa Vila expectante As rúas e prazas da cidade vivirán de novo esa combinación de gastronomía, ocio, animación e música onde traballarán máis de vinte agrupacións e asociacións de xeito directo

O venres 2 de setembro será iniciada a actividade festiva, cos pregoeiros e o espectáculo O Lérez na Ferraría; e o sábado 3 de setembro Pontevedra fará mergullo no seu pasado medieval

Así será este ano, un 2022 no que volve ser celebrada a Feira Franca. Xa anunciado no seu momento, o protagonista -a temática- deste ano será o río Lérez, un feito que semella coller aínda máis forza coa situación de seca que atravesa o municipio, e que resalta a importancia desta fonte de auga para a cidade.

«Somos conscientes, máis que nunca, do papel do río Lérez para o desenvolvemento de Pontevedra e mesmo de todos os concellos da comarca. Xa pensabamos no 2020 que debía ser o protagonista, pero non podiamos nin imaxinar até que punto falaríamos do Lérez na nosa vida cotiá. É unha homenaxe máis que merecida», explica a edil de Festas, Carme da Silva.

Alén desta temática, cómpre lembrar que a Feira Franca alcanza a súa XXI edición, recobrando toda a forza e todo o esplendor que nos últimos anos chegou a ter. Un evento masivo, a pé de rúa, onde se xuntan diversas e variadas propostas: gastronomía, ocio, música, animación, artesanía… Un conxunto de elementos que fan posible que a Boa Vila mude de tempo e de idade, unha festa na que toda a veciñanza participa e que durante xornada e media fai mergullo no pasado".

Este ano, a Feira Franca comezará o venres 2 de setembro cos pregoeiros a cabalo anunciando o comezo da mesma polo centro histórico, sobre as 19 horas. Un anaco de tempo despois, ás 22 horas, iniciarase o espectáculo inaugural da man da compañía Pablo Méndez Performance na Ferraría e que, segundo o indicado polos propios artistas, lograrán «facer falar ao río».

O día seguinte, o sábado 3, será a xornada grande, unha das máis importantes para Pontevedra, tanto no eido do ocio como no económico. «Se algo é a Feira Franca é o contacto, a socialización e a participación de moitísima xente, tanto da que vén a gozar dela, como a que participa na súa organización», comenta Da Silva. «Hai máis de 20 agrupacións e asociacións que farán actividades nas distintas prazas e nas rúas».