Vigo comeza a montaxe do alumeado de Nadal


Vigo comeza a instalación do alumeado de Nadal. O alcalde, Abel Caballero, visitou o inicio da montaxe na rúa Príncipe, onde compareceu ante os medios de comunicación para falar dalgunhas das novidades que traerá “o proxecto turístico top no mundo”.

Este ano a cidade volverá a lucir con 11 millóns de leds distribuídos en 500 rúas, unhas 50 máis que o ano pasado. “Temos peticións de 400 rúas máis. Están en lista de espera”, explicou o alcalde e reivindicou que “iso quere dicir que gústalle aos cidadáns e cidadás de Vigo”. Esta ano tamén haberá máis arcos de luz, un total de 3.500.

Caballero explicou que a ornamentación das rúas cambia cada ano, “onde había uns adornos, este ano haberá outros. Imos cambiando os motivos do nadal. Este ano imos poñer unha gran estrela do Nadal, que terá uns 14 metros e poñerémola de tal modo que a vexan desde Nueva York”, dixo entre risas.

Para o alcalde o Nadal “é alegría, luz e cor nunha cidade marabillosa como Vigo” e celebrou deixar atrás a pandemia e volver a ter un Nadal sen restricións: “Invito a Europa e España a que fagan a súas reservas. Xa temos demandas de axencias de viaxe para coñecer o día do acendido para preparar os seus paquetes turísticos. Xa hai reservas nos hoteis da cidade para o mes de decembro”.

O Nadal vigués está a ser recoñecido como fenómeno turístico. Os datos medidos a través de teléfonos móbiles amosaron que o ano pasado chegaron a Vigo 2.200.000 turistas durante os meses de acendido: “Este ano imos superar os 3 millóns. Imos petala de visitantes”, augurou o alcalde.

Abel Caballero amosou o seu respaldo ás medidas de aforro enerxético do Goberno de España: “Temos unha guerra en Europa. Nós imos acender este ano ás 18:30 horas y apagaremos ás 00:30 horas. Unha hora menos que supón un aforro de algo máis dun 14%, o dobre do acordado entre Europa e o Goberno de España para o noso país, e se piden máis, nos adaptaremos”.

En canto ao custe, o alcalde cifrou o gasto do ano pasado do alumeado de Nadal en 30.000 euros, “menos que unha subvención a un equipo deportivo medio da cidade de Vigo”. Para poñer o dato en contexto, explicou que “é un 0,5% do que gasta o Concello no alumeado de toda a cidade todo o ano” e subliñou: “Toda a enerxía que consume a cidade é renovable. Non se emite nin un só gramo de gases de efecto invernadoiro. Toda a enerxía que contrata Vigo está conectada con renovables, o 100%”.