Vigo avanza na musealización das galerías e posta en valor da fortaleza do Castro


Vigo (a xunta de goberno) da luz verde á licitación da obra de “Musealización das galerías e posta en valor da fortaleza do Castro” que ten un importe de 1.400.000 euros. O alcalde Abel Caballero puxo en valor a obra polo que significará para a cidade e recalcou o financiamento da mesma por parte do Goberno de España, a través de fondos estatais.

O alcalde explicou que a musealización da muralla do Castro permitirá abrir os túneles e poñer en valor “este grande ámbito da cidade”: as galerías da fortaleza, o túnel escavado na roca e recuperar o vello polvorín, que se refará “porque está en condicións moi deterioradas”.

Así, a cidadanía poderá visitar estes espazos da fortaleza e gozar da musealización dos acontecementos históricos en defensa da cidade dos séculos XVII, XVIII E XIX. “É a continuación de todo o que estamos facendo na muralla do Castro”, apuntou.

A previsión municipal é que o proxecto poida estar adxudicado no mes de novembro e, dende ese momento, iniciar a execución da obra.