Vázquez ve nos festivais un escenario idóneo para divulgar prácticas sostibles




A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, avogou por aproveitar os numerosos festivais que acolle Galicia, sobre todo no verán, como un escenario idóneo desde o que difundir prácticas sostibles e promover a concienciación ambiental dos participantes.

Acompañada polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, a responsable autonómica achegouse este domingo ao posto instalado polo seu departamento no Festival da Luz, un evento musical e social de carácter solidario que promove desde hai unha década a artista Luz Casal no seu municipio natal, Boimorto.

Ademais, a colaboración de Medio Ambiente na edición deste ano traduciuse tamén nunha achega de 6.000 euros que permitiu substituír por LED as 7.000 lámpadas halóxenas que compoñen o característico paraugas de luces do festival, no reparto de ecovasos reutiizables para o público asistente, e na dotación de contedores para facilitar a recollida selectiva dos residuos dentro do recinto.

Durante a súa visita, Ángeles Vázquez tivo ocasión de participar nalgunha das actividades organizadas desde o stand da Consellería. Así, para esta terceira e última xornada de concertos están previstas varias accións divulgativas relacionadas cos residuos, o reparto de merchandising entre os asistentes e a celebración de xogos dirixidos tanto a nenos como a adultos para aprender a reciclar ou mesmo a compostar.

De feito, a conselleira coincidiu cun grupo de rapaces que participaban na actividade Separar con xeito para reciclar a feito, orientada a diferenciar entre distintos tipos de residuos e concienciar sobre a importancia dunha correcta separación en orixe.

Ademais da música en directo, o Festival da Luz caracterízase por albergar espazos destinados á gastronomía, á artesanía, ao deporte ou a actividades infantís, tendo en conta que se trata dun evento de carácter familiar e no que se pon en valor o rural galego. Neste sentido, a Consellería do Medio Rural participa tamén este ano cun posto da Axencia Galega da Calidade Alimentaria para poñer en valor os produtos gastronómicos con indicativo de calidade.