Unha tese destaca as propiedades anticanceríxenas e saudables da camelia


Rocío Barreiro vén de recibir, de xeito unánime polo tribunal, un sobresaínte cum laude pola súa tese de doutoramento “Composición química e capacidade desoxidante dos produtos obtidos de camelias de Galicia”. A investigación realizouna na finca do Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra e en colaboración coa Universidade de Vigo. A tese estivo dirixida pola doutora Carmen Salinero, xefa de Servicio de Areeiro, e o doutor Efrén Pérez da Universidade da Rioxa. Estuda as propiedades do aceite e do té elaborados a partir das camelias cultivadas en Pontevedra e propón o seu uso comercial como fonte de riqueza para o territorio.

A camelia é unha planta moi presente nos xardíns da provincia, pero tamén moi descoñecida pola explotación das súas follas e sementes para a obtención de té ou aceite. Dende finais do século XX, na EFA estúdase a calidade e a estabilidade dos produtos obtidos desta árbore. Agora, grazas a tese da xa doutora Rocío Barreiro, coñecemos as súas características e a avaliación da súa composición, así como as súas propiedades desoxidantes e o seu contido en vitamina E e catequinas (sustancias desoxidantes que axudan a protexer as células dos radicais libres e que, por tanto, son utilizadas na prevención e tratamento do cancro).

O té, a segunda bebida máis consumida no mundo despois da auga, elaborase cos brotes e follas novas de Camellia sinensis, na súa composición inclúe entre outros cafeína e vitaminas que, consumidas de xeito recorrente aportan beneficios saudables para as persoas que o consomen. O estudo realizado pola investigadora, veciña do concello das Neves, amosou que tralo análise das mostras do té de Areeiro, atopouse a presenza de seis catequinas que engaden unha importante bioactividade desoxidante e, por tanto, anticanceríxena, a este produto.

O aceite da “flor das Rías Baixas” caracterízase por ser máis saudable que outros, xa que contén un alto índice de ácidos graxos insaturados. Tamén inclúe minerais e vitaminas, concretamente vitamina E, moi importantes para a o bo funcionamento do noso organismo e que se reflexan na elasticidade e hidratación da pel, por iso é tan apreciado na industria cosmética. A Estación Fitopatolóxica Areeiro, xa fixera varios traballos de investigación desde o ano 2010, no que estudara os parámetros fisicoquímicos de calidade, o contido de ácidos graxos e as distintas bioactividades do aceite, de diversas especies de camelia, e demostrou as súas capacidades desoxidantes e antimicrobianas. Na tese galardoada, realizouse un estudo con aceite de sementes de camelias cultivadas en Pontevedra e concluíuse que o aceite de camelia obtén valores similares aos valores lexislados para o aceite de oliva virxe extra.

Polo tanto, os estudos elaborados pola doutora Rocío Barreiro, avalan que das camelias cultivadas na provincia, pode obterse té e aceite de alta calidade para as industrias alimentaria e cosmética. As altas propiedades e o rendemento destes produtos poden supor unha gran fonte de ingresos.