Sanxenxo recupera este ano a cerimonia de entrega dos premios Cebolas de Ouro cos que se distinguen a persoas ou entidades que garden unha vinculación especial co municipio na súa traxectoria vital ou profesional.
No acto que terá lugar o próximo 4 de setembro, ás 12 horas, con motivo da celebración de Santa Rosalía, os galardoados coas Cebolas de Ouro serán o Grupo Froiz, en recoñecemento ao seu fundador Magín Froiz, e Pilar Leiro, veciña de Padriñán e propietaria do histórico ultramarinos que levaba o seu nome.
Ambos pertencen ao sector da alimentación e son recoñecidos tanto pola súa calidade humana como profesional. Froiz, fundada en 1968, é unha empresa dedicada á venda de produtos frescos, alimentación, adega e drogaría, a través da súa rede comercial formada por supermercados, hipermercados, cash&carry, franquías e tenda online. A súa actividade desenvólvese en España e Portugal. En España, está presente en Galicia, Castela e León, Castela-A Mancha e Madrid. En Sanxenxo conta con 3 supermercados, 2 en Sanxenxo e 1 en Portonovo. A empresa colabora ao longo do ano con distintas actividades realizadas no municipio e participou activamente durante os meses máis duros da pandemia coa iniciativa levada a cabo desde o Concello para a repartición de máscaras.
Pilar Leiro, de 93 anos, recibirá a Cebola de Ouro por ser unha veciña comprometida e axudar aos seus veciños desde o seu pequeno ultramarinos situado en Padriñán. Con 4 anos aprendeu a ler e a escribir grazas á súa madriña que lembra "foise moi cedo", casou con 20 anos e tivo 4 fillos homes. "Quixen unha meniña, pero non houbo forma", lembra. casou con 20 anos e xunto ao seu marido abriu un pequeno ultramarinos onde había de todo. "Tiñamos dende sacos de cemento ata sacos de patacas", sinala. E é que os seus inicios laborais están vinculados á costura casa por casa. "Cando o meu marido enfermou, pois entón fíxenme eu cargo da tenda e de todo", asegura. "Había moita xente necesitada e, claro, que lle fiei a moitos veciños. Os cartos en moitos casos non os recuperei, pero había que axudar a quen podía", explica. Para Pilar, a "discreción" foron máximas para que o seu negocio funcionase. "A boca non só está para falar tamén para saber tela pechada", asegura. Agora son moitos os veciños que agradecen a súa "implicación" e a súa "bondade" en tempos duros e difíciles en España. Pilar foi unha muller que "facía de todo, tanto capar porcos como facer pan, coser, plantar patacas...
O alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, sinala que son dúas Cebolas de Ouro "ben merecidas e que recollen á perfección o espírito e a esencia destes premios...