Sanxenxo engade ó seu atractivo turístico o tirón das súas festas


A concelleira de Educación e Cultura de Sanxenxo, Paz Lago, presentou no parque da Panadeira as festas patronais en honra a San Xenxo, Santa Rosalía e a Virxe da Carmen. A capital do Salnés recupera a súa tradicional celebración cunha intensa axenda festiva que dará comezo o vindeiro mércores 24 de agosto e que concluirá o luns, 5 de setembro. "Recobramos as festas que nos gustan, as que queríamos vivir e pola pandemia ata agora non puidemos", sinalou Lago.

A actividade festiva dará comezo o vindeiro mércores co chupinazo desde o balcón consistorial ás 12 horas con animación na Praza Pascual Veiga que continuará a partir das 20 horas polas rúas a cargo de Phisio Delia. Ás 21 horas, a Asociación Cultural Abiñadoira actuará na Praza Pascual Veiga e ás 22 horas, a Praza dos Barcos acollerá o concerto de Benditos Malditos e Carlos García Boente cantan a Sabina.

O xoves 25 de agosto celébrase, coincidindo con San Xenxo, o Día do Turista. A animación comezará desde a mañá polas rúas creando o ambiente previo á tradicional Sardiñada Popular na Praza dos Barcos. No mesmo recinto, desde xa unha hora antes, terá lugar a Feira de Produtos Artesáns. A Praza de Pascual Veiga acollerá a partir das 13 horas o concerto da Banda de Música de Sanxenxo. Ás 19 horas terá lugar a misa e procesión en honra a San Xenxo cantada polo Coro Parroquial San Xinés de Padriñán. Ás 22:30 horas, a verbena correrá a cargo das orquestras Claxxon e Marbella na Praza do Mar.

O venres 26 de agosto, a Praza dos Barcos acollerá a actuación de Galifunk a partir das 22 horas. O día 27, Cantigas e Agarimos tomará a substitución. O 28, a actividade comezará pola mañá, ás 12 horas, coa XXII Milla Vila Urbana no Paseo de Silgar e pola noite, a partir das 21:30 horas, a Praza dos Barcos acollerá o concerto de María do Ceo.

O Auditorio de Emilia Pardo Bazán acollerá os días 29, 30 e 31 as XIII Xornadas de Sanxenxo na Historia a partir das 18 horas.

O xoves 1 de setembro, a xornada estará dedicada ao público infantil. A partir das 12 horas organizaranse xogos tradicionais na praia de Silgar. Ás 19 horas, terá lugar unha xornada de música infantil con Charo Pita e a familia Papaventos na Praza dos Barcos. O venres, 2 de setembro, ás 17 horas haberá unha festa infantil con inchables na Praza dos Barcos. Pola noite, serán os Concertos da cebola con grupos locais. Ás 21:30 horas, no Paseo de Silgar, ás 22:30 horas, na Rosa dos Ventos e ás 23:30 horas, no Paseo dos Barcos.

O sábado 3 de setembro, ás 12 horas comezará a exaltación da cebola con música e gastronomía na Praza de Pascual Veiga. Ás 22 horas, procesión nocturna para recoller a imaxe de Santa Rosalía e ás 22:30 horas, gran concerto na Praza do Mar (darase a coñecer o martes).

O domingo, 4 de setembro, día de Santa Rosalía, a xornada comezará con alborada con tirada de lumes a cargo de Abiñadoira e a Banda de Música de Sanxenxo. Ás 10 horas comezará a apertura das casetas da XL Feira da Cebola na Praza dos Barcos. Ás 12 horas realizarase a tradicional entrega das Cebolas de Ouro. Ás 13:30 horas, concerto da banda de Música de Sanxenxo na Praza de Pascual Veiga. Ás 19 horas, misa e procesión en honra a Santa Rosalía cantada polo Coro Parroquial San Xinés de Padriñán e con ofrenda da Danza de Riofrío a cargo de Abiñadoira.
Ás 22 horas, celebrarase a procesión nocturna para recoller a imaxe da Virxe da Carmen. A partir das 22:30 horas, a verbena coas orquestras A Oca Band e Nova York na Praza do Mar. Ás 24 horas, espectáculo pirotécnico na praia de Silgar.

O luns 5 de setembro celebrarase a Virxe da Carmen coa que se porá o broche final ás festas de Sanxenxo. A xornada comezará con música fogos a cargo dos Gatiños de Portonovo e a Banda de Música de Sanxenxo. Ás 13 horas, a Praza Pascual Veiga acollerá un concerto da Banda de Música de Sanxenxo. Ás 19 horas, misa e procesión con tirada de fogos en honra á Virxe da Carmen cantada polo Coro Parroquial San Xinés de Padriñán. Ás 22.30 horas, a verbena con Olympus e A onda ADN na Praza do Mar.