Santiago cede 11 pavillóns para os miles de mozos da peregrinación europea


O Concello cede ao arcebispado de Santiago 11 pavillóns municipais para acoller a mocidade que participe na "Peregrinación Europea de Xóvenes -PEJ". O total a abonar polo uso das instalacións, conforme aos prezos públicos, será de 40.137,3 euros, segundo o acordado na Xunta de Goberno Local da que informou o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo.

Os pavillóns que acollerán aos grupos de mozos e mozas que vaian chegando a Santiago son o Lorenzo de la Torre (do 2 ao 7 de agosto e cun aforo permitido de 233 persoas), o de Fontiñas (do 3 ao 7 de agosto e cun aforo permitido de 373 persoas), o de Vite (do 2 ao 7 de agosto e cun aforo permitido de 336 persoas), o do Restollal (do 2 ao 7 de agosto e cun aforo permitido de 389 persoas), o de Pontepedriña (do 5 ao 7 de agosto e cun aforo permitido de 315 persoas), o do Pío XII (do 3 ao 7 de agosto e cun aforo permitido de 285 persoas), o do Apóstolo Santiago (do 2 ao 7 de agosto e cun aforo permitido de 320 persoas), o de Vite (do 3 ao 7 de agosto e cun aforo permitido de 306 persoas) o de Quiroga Palacios (do 2 ao 7 de agosto e cun aforo permitido de 324 persoas), o de Monte dos Postes (do 2 ao 7 de agosto e cun aforo permitido de 300 persoas) e o de Lamas de Abade (do 5 ao 7 de agosto e cun aforo permitido de 300 persoas).

O acordo adoptado establece que "será responsabilidade única da organización ter elaborados os documentos que sexan necesarios para poder desenvolver as pernoctas programadas nas instalacións deportivas concedidas, coas máximas garantías de seguridade, tales como Declaración responsable, Plans de autoprotección, así como, calquera outro que sexa de obrigado cumprimento". E que "en cada pavillón haberá unha persoa en representación da organización da PEJ 2022, que será o responsable de non superar o aforo permitido en cada instalación e do cumprimento das normas de uso establecidas". Ademais, será necesario contar en cada instalación cedida de mínimo dun voluntario ou voluntaria da organización por cada 50 usuarios para a xestión e organización dos grupos no momento de uso.

Tamén se especifica no acordo que o Concello de Santiago non se fai responsábel dos roubos e/ou furtos que se puideran producir dentro dos recintos deportivos concedidos, nin de calquera incidente e/ou accidente que ocorrese entre o persoal da organización nin entre os asistentes como resultado de comportamentos inadecuados e/ou calquera outra circunstancia que os puidera causar. Así mesmo, o responsable da organización deberá adoptar todas as medidas de seguridade e prevención que sexan necesarias para garantir o correcto desenvolvemento deste evento".

Entre as normas a adoptar figura o prohibición de fumar e consumir bebidas alcólicas dentro do recinto. Tampouco se permite o acceso de animais salvo no caso concreto dos cans guía, e está tamén prohibido cuspir, tirar lixo nas instalacións e manipular os equipamentos deportivos existentes.