A Xunta reforza a seguridade nos concellos turísticos cun elevado incremento da poboación estacional a través do Plan específico de subvencións para a contratación de auxiliares de policía local durante a tempada de verán. O Goberno galego destina este ano a este plan un total de 140.000 euros para subvencionar as contratacións realizadas entre o 1 de xuño e o 30 de setembro de 2022.
Consonte os criterios de selección, os concellos que recibirán as axudas á contratación de auxiliares de policía local este ano son Sanxenxo, O Grove, A Guarda, Miño, Poio, Nigrán, Cangas, A Pobra do Caramiñal, Ribeira e Vilagarcía de Arousa.
As contías, que medran con respecto a 2021, distribúense tendo en conta a porcentaxe que representan as prazas hoteleiras en cada concello sobre a cifra de poboación, sendo beneficiarios os concellos que experimentan na tempada de verán un incremento estacional de poboación e que teñan un mínimo de 1.000 prazas.
Deste xeito, nos municipios nos que as prazas de aloxamento supoñan máis da metade sobre o total de habitantes reciben axudas por importe de 25.000 euros, como é o caso de Sanxenxo e O Grove. Nos concellos que as prazas de aloxamento representan máis do 20% -isto é A Guarda, Miño e Poio- a contía máxima é de 15.000 euros, mentres que nos que como Nigrán, a porcentaxe supera o 15%, a subvención é dun máximo de 12.000 euros. Cangas, A Pobra do Caramiñal, Ribeira e Vilagarcía de Arousa recibirán 8.250 euros en cada caso, debido a que as prazas de aloxamento en comparación coa poboación é inferior ao 15%.
Outros criterios de selección foron dispoñer da declaración como municipios turísticos galegos; ter unha poboación igual ou superior a 5.000 habitantes segundo as cifras oficiais de poboación de 2021; contar cun corpo de policía local, e participar no proceso selectivo unitario para a cobertura de postos de auxiliares de policía local, convocado pola Orde do 14 de marzo de 2022.
Alternativamente requiriuse ter convocados procesos selectivos para a cobertura de postos de auxiliares de policía local durante este ano, e ter remitidas as bases da dita convocatoria á Dirección Xeral de Emerxencias e Interior para os efectos da emisión de ditame.
Desde a posta en marcha do plan, en 2012, o Goberno galego leva investidos 828.000 euros no financiamento da contratación de auxiliares de policía local durante a tempada de verán nos concellos turísticos da comunidade. A Xunta colabora desta forma cos concellos máis turísticos de Galicia co obxectivo de reforzar a eficacia dos seus corpos policiais mediante estas axudas ás contratacións de persoal auxiliar de policía local.
O apoio á prestación de servizos reflíctese tamén neste plan que vai axudar de xeito substancial as facendas locais para garantir a seguridade de veciños e visitantes reforzando este servizo debido ao estacional da poboación.