Reforzo da promoción, sostibilidade e inclusión do Camiño Portugués


A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Política Social e Xuventude, vén de reforzar a atención, promoción, sostibilidade e inclusión do Camiño Portugués a través do programa de voluntariado Xacobeando, aprobado pola Axencia Executiva do Programa do Corpo Europeo de Solidariedade.

Deste xeito, preto dunha decena de mozos e mozas de diversos países europeos, como Letonia, Estonia, Portugal, Grecia, Lituania, Italia e España, estiveron a desenvolver durante os dous últimos meses diversas tarefas na ruta xacobea que cruza a cidade de Pontevedra para axudar aos peregrinos e para poñer en valor este percorrido cara Santiago de Compostela.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, e a secretaria territorial, Marta Iglesias, mantiveron un encontro de despedida cos voluntarios na praza da Peregrina e fixeron un percorrido con eles ata o Centro de Recursos Educativos (CRE) da ONCE en Campolongo, onde realizaron unha reflexión final da súa estadía.

“Entre as moitas accións que desenvolve a Xunta para potenciar o Xacobeo e este dobre Ano Santo figura tamén o voluntariado, que serve para mellorar a formación de mozos europeos, ao tempo que coñecen a nosa terra, e tamén para axudar aos peregrinos con este corpo de rapazas e rapaces, que fixeron un labor transversal en moitos eidos e conseguiron que o Camiño Portugués fora aínda máis confortable para os camiñantes”, explicou o representante autonómico.

Entre as actividades realizadas polos voluntarios no Camiño Portugués figuraron accións de inclusión, co acompañamento de grupos con necesidades especiais en base a un protocolo elaborado por Cogami; de sostibilidade, incluíndo limpeza e concienciación ambiental; de dixitalización, coa creación de recursos e experiencias sobre o Camiño para redes sociais e novas tecnoloxías; de seguridade, centradas na información de medidas anti-covid; e de acollemento, co apoio, recepción e información aos peregrinos. Neste senso, cómpre sinalar que os voluntarios atenderon aos camiñantes todos os días de 13.00 a 15.00 horas no Albergue de Pontevedra para facilitar a súa chegada.

En total, preto de oitenta voluntarios de ata trinta anos están a realizar traballos similares en todas as rutas xacobeas da comunidade autónoma nestes meses centrais do verán, aínda que algúns grupos manterán esta actividade ata finais de setembro, nos camiños Francés e Inglés, e ata outubro no caso do Primitivo e o de Inverno.