Proxecto transnacional para recuperar os hábitats de Cies, Ons e Sálvora


A Xunta e a Universidade de Santiago de Compostela (USC) colaborarán durante os vindeiros cinco anos no proxecto transnacional LIFE insular para acadar a restauración integrada dos hábitats das illas Cíes, Ons e Sálvora, pertencentes ao Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia.

O papel de coordinadora recaerá sobre a USC mentres que o Goberno autonómico se encargará da execución técnica da iniciativa, tal e como se recolle no convenio asinado esta mañá no Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader) entre a conselleira de Medio Ambiente, Terriorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o reitor compostelán, Antonio López.

O obxectivo do proxecto é promover un estado de conservación favorable dos hábitats dos espazos insulares pertencentes á Rede Natura 2000 no Océano Atlántico, ao tempo que se aumenta a súa resiliencia como medida de adaptación ao cambio climático. A tal fin, porase o foco de atención sobre 8 Zonas de Especial Conservación localizadas en 5 illas que son —ademais das tres galegas— La Graciosa, en Canarias, e Irlanda.

A través desta iniciativa de colaboración transnacional minimizarase o impacto de posibles perturbacións externas sobre as zonas de actuación —risco de vendavais, erosión eólica catastrófica...— e, tal e como explicou a conselleira, buscarase tamén unha recuperación da paisaxe natural destas illas co reto de “reverter” a situación á que había 70 anos atrás.

Para acadar estes obxectivos, o proxecto prevé executar sobre o terreo unha serie de actuacións centradas nos tipos de hábitats 2130 e 4030, correspondentes ás dunas costeiras con vexetación herbácea e aos queirogais secos europeos (brezales).

Este papel corresponderalle en Galicia á Consellería, que executará accións de eliminación e control de especies exóticas invasoras; supresión de plantacións forestais; e medidas de protección fronte a actividades humanas que incidan nestes hábitats, como poden ser o control do tránsito de visitantes ou a instalación de captadores pasivos de area.

Así mesmo, o proxecto inclúe unha estratexia de sensibilización e difusión pública mediante xornadas en datas sinaladas, como o Día da Rede Natura 2000 ou o Día europeo dos parques nacionais, así como accións de voluntariado, talleres escolares e colocación de paneis informativos, entre outras. Por último, tamén se prevé un plan de conservación unha vez rematado o LIFE insular —con data de finalización prevista para o 31 de decembro de 2026—, o que permitiría darlle seguimento e continuidade.

Tras a sinatura do convenio de colaboración coa USC, Ángeles Vázquez subliñou a importancia deste proxecto transnacional para Galicia, que ademais lidera a iniciativa ao albergar 3 das 5 illas nas que se centrarán os traballos de restauración e xestión sostible dos hábitats insulares.

Neste sentido, cómpre lembrar que o Parque Nacional das Illas Atlánticas é o único espazo natural galego que concentra 6 das principais figuras de protección medioambiental a nivel internacional, polo que o LIFE insular permitirá protexer a riqueza natural que lle valeu estes recoñecementos e preparalo para afrontar os retos do cambio climático.

Cun orzamento de máis de 5,2 millóns de euros a executar ata 2026, á Xunta corresponderalle un orzamento estimado en case 750.000 euros, dos cales 300.000 euros irán destinados a gastos en investimentos; mentres que a USC terá un financiamento asignado de 1,08 millóns como beneficiario coordinador.

A achega económica do proxecto por parte da Unión Europea ascenderá a 3,95 millóns de euros canalizados a través do programa LIFE, dedicado de forma exclusiva ao medio ambiente e á acción polo clima.

Entre os outros socios que se beneficiarán deste proxecto transnacional cómpre citar tamén ao Organismo Autónomo de Parques Nacionais e pola parte irlandesa, ao Department of Housing, Local Government and Heritage e o Coillte CGA.