Programa pioneiro para o seguimento dos cabalos da illa de Sálvora


A Xunta, a través da dirección do Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, acaba de poñer en marcha un programa de seguimento pioneiro da poboación de cabalos presentes na illa de Sálvora. En total, unha decena de exemplares foron equipados recentemente con emisores GPS que rexistran e envían a súa posición xeográfica exacta cada 10 minutos.

Tradicionalmente a illa de Sálvora sempre contou coa presencia de cabalos, un animal que, en baixas densidades, ten contribuído a través da súa propia actividade herbívora a manter os hábitats insulares no seu bo estado actual. Os cabalos consumen en pequenas cantidades da vexetación presente na illa, mantendo así un hábitat no que se combinan zonas con maior cobertura e abundancia de matogueira con outras máis abertas e nas que abundan as especies herbáceas, unha diversidade moi valiosa.

Neste sentido, a información obtida grazas ao seguimento por GPS dos exemplares por toda a illa resulta moi útil, xa que permite regular o manexo e a densidade dos cabalos para conseguir os mellores resultados posibles. Coñecer permanentemente onde se atopan, por exemplo, axuda a medir a súa posible incidencia sobre a vexetación nun punto concreto e a localizalos, en caso de que se necesite realizar operacións de manexo.

Cómpre lembrar que este arquipélago alberga hábitats costeiros especialmente ben preservados, entre os que destacan os seus sistemas dunares nos que se localizan plantas de gran interese para a conservación, como son a Linaria arenaria, o Erodium maritimum ou o Rumex rupestris.

Co fin de manter e mellorar este equilibrio entre os ecosistemas de Sálvora e a presencia de cabalos na illa, desde a declaración do arquipélago como Parque Nacional, no ano 2002, véñense adoptando toda unha serie de medidas.

En primeiro lugar, substituíronse os cabalos existentes por unha manda de cabalos de pura raza galega cun dobre obxectivo: por un lado, contribuír ao mantemento e preservación desta raza de gran interese para o patrimonio xenético autóctono de Galicia; e por outro, introducíronse animais moi ben adaptados á vida en liberdade no medio natural galego e, particularmente, nun lugar como este, onde se poden alimentar e vivir sen causar un impacto perxudicial sobre a vexetación.

Para asegurar o éxito desta operación, a dirección do Parque Nacional encárgase do mantemento destes cabalos a través dun coidadoso plan de manexo que permite garantir a longo prazo o seu bo estado nutricional e sanitario e, ao mesmo tempo, unha mellor conservación da vexetación autóctona.

Dentro deste plan está enmarcado, precisamente, a nova iniciativa para localizar aos cabalos dentro da illa, que ven complementar outras xa en marcha. Neste sentido, cómpre subliñar o seguimento que se fai mediante fotografías de dron do estado de conservación dos hábitats insulares e a evolución da cobertura da vexetación, ou o programa para o control da abundancia, distribución e tendencia das plantas de maior interese para a conservación.

Ademais, recentemente e en colaboración coa Universidade da Coruña, o Parque Nacional tamén iniciou un estudo sobre a dispersión das plantas por Sálvora a partir da análise das sementes presentes nos excrementos dos cabalos, o que permitirá coñecer mellor cal é o seu papel na ecoloxía insular.