Pontevedra concede licenza urbanística para construir un segundo Aldi


A portavoz do Goberno municipal de Pontevedra, Anabel Gulías, deu conta da Xunta de Goberno Local  que abordou entre os asuntos incluídos na orde do día a concesión de licenza urbanística para o  acondicionamento e construción de unha nave para un novo supermercado.

"Neste caso estamos a falar dun terreo situado na avenida de Lugo, lindando coa gasolineira, e sería para a marca Aldi", explicou a portavoz. "A superficie da parcela é de 5.877,93 metros cadrados e a superficie a construír sería de 1.523,68 metros cadrados".

Como xa é sabido na Boa Vila, amais deste futuro supermercado, Aldi tamén ten prevista a instalación e creación dun establecemento no baixo de Vialia, ao carón da estación de tren. Así, o da avenida de Lugo sería o segundo supermercado desta marca alemá.

A promotora Aldi Real Está SLU sinalou que a obra conta cun orzamento de 1.231.081,21 euros, polo que tivo que depositar unha fianza de 16.000 euros no Concello de Pontevedra para así poder iniciar os traballos. Aldi poderá empezar coa obra ao longo dos vindeiros 6 meses e conta cun prazo de execución de dous anos.

Gulías lembra que este tipo de obras e proxectos "xeran un impacto positivo na cidade e afondan na idea de recobrar o dinamismo económico". "Demos conta de licenzas en Benito Corbal, demos conta da recente reapertura do Lidl na avenida de Vigo e esta é unha nova aposta dunha grande empresa na nosa cidade, apenas meses despois de solicitar a apertura dun supermercado en Eduardo Pondal".