Tal e como indicou a concelleira de Festas, Carme da Silva, hai unhas semanas, Pontevedra vivirá este ano «un verán sen parada». Agosto comezará cunha cantidade inxente de actividades a través de diferentes ciclos incluídos dentro da programación do verán. Unha diversidade en xénero e en forma, en número e en formato.
De entrada, até seis ciclos distintos serán encadeados ao longo dos primeiros sete días do novo mes. Un quebracabezas de eventos e citas pensadas para o gozo de todos e todas, desde os máis pequenos da casa até os que gozan coa música en directo ou o espectáculo a pé de rúa.
Así, Trebellando na Alameda aparece como un ciclo infantil de teatro, música e maxia, que terá como wscenario a alameda de Pontevedra e ofrecerá un espectáculo distinto, cada día, entre o 1 e o 5 de agosto. Migallas Teatro, Adrián Conde, Grupo Expresión, Cía Trotamundos e Ollo Piollo serán os encargados de entreter ás crianzas da cidade dun xeito distinto e propio.
Noites de monólogos fai das pistas de Campolongo un espazo novo e peculiar, co obxectivo de descentralizar a programación e achegar espectáculos de calidade a todos os barrios da cidade. Nesta ocasión, a Boa Vila contará con algúns dos máximos representantes do humor galego entre o 1 e o 5 de agosto, como son: Luís Zahera, David Amor, Carlos Blanco, Xosé Antonio Touriñán e Marta Doviro. Como sempre, serán shows de balde.
Hai tempo para a maxia con Galicia Ilusiona. O martes, 2 de agosto, a praza do Concello acollerá o espectáculo de Víctor Cerro, que tamén fai do escapismo unha das súas armas á hora de sorprender e facer abrir os ollos aos presentes. Chega coa proposta Desafíos Extremos: Home Diana e Porta do inferno.
O mércores 3 de agosto volve Itineranta, o XI Festival de Animación de rúa, unha das citas máis queridas e únicas coas que conta a Boa Vila. Unha ledicia artística que enche as rúas, que esperta sentidos e que promete ser unha auténtica revolución logo da pandemia. A partir das 20 horas, entre o 3 e o 5 de agosto, diversas agrupacións ofrecerán un auténtico furacán que debe ser vivido en primeira persoa. Troula Animación, Cía Sin Fin, Yera Teatro, Animarts, Ale Hop, La Fam, Zanguango Teatro ou Hortzmuga Teatroe & Deabru Beltzk son algún dos colectivos que encherán Pontevedra de animación e sorpresas.
Entre o 5 e o 6 de agosto, a contorna do Gafos volverá ser un espazo para o ocio e o lecer a través da música que os picadiscos logran mesturar e facer saír polos altofalantes. O Senda Festival é unha proposta nova, que ofrecerá melodías desde ás 18 horas o primeiro día e desde as 12 horas o sábado. Mind Entreprise, Supernatural Project, Russs, Fiuza, Baldman, Akazie, Simona... Dúas xornadas para moverme corpo, pero tamén para gozar dun picnic nunha contorna verde e fresca.
Por último, nesta primeira semana de agosto a Boa Vila poderá vivirá o inicio dun dos ciclos máis potentes e interesantes cos que contará este verán. Con Voz de Muller comezará o 6 de agosto e durará até o día 10, ofrecendo sete actuacións distintas de tres tipos: concertos, pasarrúas e monólogos.
Afondará no talento feminino, nacional e internacional, con Pongo, Somdolila, o monólogo A Síndrome de Lis (de Rocío Barrio e Diana López Varela), Brassica Rapa, Guadi Galego, De Vacas e Ginebras.