Pementos: Os de Herbón, que son de Padrón


A Festa do Pemento de Herbón, declarada Festa de Interese Turístico de Galicia, ten lugar o primeiro sábado de agosto. Celébrase dende o ano 1978, é unha cita moi popular e concorrida á que asisten milleiros de persoas. Ademais da degustación, os actos festivos sucédense ao longo da xornada.

A súa orixe remóntase ao século XVII. Foi un monxe franciscano do convento de Santo Antonio de Herbón quen, ao seu regreso das misións de Tabasco, México, trouxo as primeiras sementes. A zona de producción da DOP acondicionamento e envasado está na parroquia padronesa de Herbón e nos veciños concellos de Rois, Dodro, Pontecesures e Valga.

A tempada adoita comezar no mes de maio e esténdese ata o mes de outubro ou novembro, dependendo da climatoloxía.

A súa receita máis extendida pasa pola tixola: fritidos en aceite de oliva e aderezados cunhas areas de sal. O xeito tradicional de preparalos é sen rabo para evitar o amargor que lle outorga este apéndice vexetal.

Están deliciosos como aperitivo ou acompañando a pratos principais, mais teñen unha particularidade que os diferenza doutras variedades: o seu azaroso picor, como reza o dito, “uns pican e outros non!”

O pemento de Herbón é un produto tan versátil que está presente en máis receitas, por exemplo, fritidos en tempura, nunha variada brocheta, nunha empanada ou coroando sabedoras tostas. No mercado actual tamén temos produtos gourmet elaborados en Padrón a base de pemento de Herbón: confitura, caramelos, bombóns, pemento en pó, queixo e vermú.